Vodafone achega 300.000 euros ás ONG e habilita un número solidario con UNICEF
venres, 3 de abril do 2020
A
operadora Vodafone, a través da súa fundación, segue mantendo o
listón da solidariedade ben alto, e faino con das importantes
novidades para axudar á xente en tempos de COVID-19 presentadas co
comezo de abril: por unha banda a
entrega de 300.000 euros ás organizacións non gobernamentais Cruz
Vermella España, Fundación ONCE e Save the Children, e, pola
outra, a habilitación dun
número de envío de SMS solidarios para colaborar con UNICEF na
distribución de material sanitario.
Respecto
da primeira iniciativa, as axudas de 300.000 euros irán destinadas
ás actividades que están a desenvolver as tres organizacións
humanitarias para “paliar os efectos que a pandemia de COVID-19
está a provocar en España”.
Cruz
Vermella recibirá unha doazón de 200.000 para o seu programa Cruz
Vermella Responde, a través do cal xa levou a cabo máis de 160.000
intervencións na primeira semana desde a súa implantación para
loitar fronte ao COVID-19. A achega da Fundación Vodafone irá
destinada á adquisición e distribución de equipamento básico de
protección persoal, respiradores volumétricos e outros materiais
sanitarios e a cubrir as necesidades básicas de alimentación,
hixiene persoal e do fogar, produtos sanitarios, etc. de familias en
situación de vulnerabilidade.
A
Fundación ONCE, para a súa iniciativa Non estades sós,
recibirá por parte da Fundación Vodafone 50.000 euros que lle
permitirá seguir adquirindo equipos de protección individual e
outros materiais sanitarios. Por último, Save The Children recibirá
50.000 euros para reforzar o seu programa Ao teu Lado, polo
cal atende aos nenos e nenas de máis de 2.000 familias sen recursos,
“os máis vulnerábeis nestes momentos”, en palabras de Vodafone.
O
teléfono solidario de UNICEF
Vodafone
España puxo a disposición dos seus clientes un número de móbil
para axudar a UNICEF na distribución de material sanitario con
motivo da actual emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus.
Quen queira colaborar con esta iniciativa poden enviar un SMS coa
palabra “UNICEF” ao 28052 e o custo íntegro da mensaxe (1,2
euros) irá destinado a esta organización.