Vodafone abarata as súas tarifas de fibra para o fogar

mércores, 21 de marzo do 2018 Marcus Fernández

Cada vez hai no mercado máis ofertas de conexións de banda larga domésticas a través de fibra óptica que buscan ter un prezo moi axustado, tendencia ao que os grandes operadores non están alleos, de aí que agora vexamos como Vodafone está a preparar unha nova oferta moi atractiva para os que queren un acceso á Rede económico no seu domicilio, pero non queren nin vincular tal contrato a un teléfono móbil nin prescindir dun teléfono fixo.
Temos así un novo cadro de tarifas con conexión á Rede por fibra óptica, teléfono fixo con chamadas ilimitadas a fixos e móbiles, a posibilidade de contar cunha liña móbil adicional con 500 MB de datos (con Chat Pass) e chamadas a 0 céntimos/minuto que custa a partires de 31 euros/mes. O prezo dependería da velocidade contratada, de xeito que para 50 Mbps habería que pagar 31 euros ao mes se asumimos un compromiso de permanencia de 24 meses, mentres que no caso de non querer asumir tal compromiso a tarifa incrementaría o seu prezo 9 euros ao mes. Para velocidades de 120 Mbps, 300 Mbps e 1 Gbps habería que pagar 39, 43 e 56 euros/mes (engadindo 9 euros a cada tarifa se non queremos compromiso de permanencia).
Estas tarifas son compatibles co servizo de Vodafone TV, con conseguinte incremento de prezo, ofrecéndose 3 meses de Vodafone TV Total de balde no momento da alta na tarifa.

PUBLICIDADE