Vodafone One acompañará con descontos a volta ao cole

xoves, 10 de agosto do 2017 Redacción

Vodafone España xa está, literalmente, facendo “os deberes”. Sen ir máis lonxe, onte mesmo lanzou a súa campaña Volta ao cole, que ten o obxectivo de suavizar ás familias (con algunhas rebaixas e melloras nas condicións ofrecidas nos paquetes) o regreso ás aulas dos escolares, tanto dende o punto de vista da mobilidade como no que se refire ao ámbito do fogar. Basicamente, a campaña céntrase en descontos durante seis meses do 20% sobre o prezo dos paquetes converxentes de Vodafone One e das tarifas móbiles de contrato (Mini, Smart e Rede), e do 50% no servizo de +Liñas de Vodafone One. Ademais, os paquetes Vodafone One terán o dobre de velocidade en fibra durante medio ano.
Ademais, a operadora de telecomunicacións anunciou que dotará aos fogares cunha conexión a Internet “de calidade e de alta velocidade” que faga posíbel facer fronte á multitude de dispositivos conectados a unha mesma rede que cada vez máis empréganse en casa.
A maiores, os paquetes de Vodafone One seguirán incluíndo “engadidos” interesantes, como as chamadas ilimitadas desde o fixo a fixo, e desde fixo a móbiles, as chamadas de balde entre móbiles da familia, máis datos no móbil (ata 20Gb), o servizo de itinerancia incluída en Europa e Estados Unidos e o contido premium de agasallo (HBO España, Fútbol, Motor) e sen compromiso de permanencia.
Alén do devandito, Vodafone lanzou unha oferta “especialmente acaida para estudantes que buscan só unha conexión de fibra de calidade, de alta velocidade”, acompañándose da posibilidade de ser desconectada temporalmente durante os meses de verán. Trátase do servizo Fibra 120Mb, que, cun prezo de 37 euros/mes, inclúe chamadas ilimitadas a fixo e móbil e a opción de desconexión durante un máximo de tres meses.

PUBLICIDADE