Vodafone España empraza a unha nova edición dos seus premios á innovación

venres, 27 de marzo do 2015 Redacción

Dar azos ao desenvolvemento e á innovación de propostas tecnolóxicas, ben na súa fase inicial, ben na súa aplicación real a prol da sociedade son as metas que persegue a IX Edición dos Premios á Innovación en Telecomunicacións convocada pola Fundación Vodafone España. Deste xeito, a entidade persegue fomentar o eido do TIC Social e todas as súas funcionalidades, de maneira que todo proxecto de innovación neste sector, teña en conta, desde a súa fase inicial, a accesibilidade universal e o deseño para todos, á vez que se incentiva, entre círculos de emprendemento non vinculados a esta faceta do TIC, o desenvolvemento de aplicacións de interese social.
En canto aos premios, dicir que serán tres, baixo o epígrafe común de Premio ao Proxecto de Innovación no ámbito da Investigación e do Desenvolvemento das Telecomunicacións, dotado con 20.000 euros cada un amais dunha escultura conmemorativa.
Para a elección dos gañadores, un xurado formado por personalidades da administración, a investigación e a empresa terá en conta: o carácter innovador da solución dentro da Sociedade da Información, o público obxectivo que se podería ver beneficiado pola solución, a viabilidade da solución e do posíbel despregamento ao público obxectivo e a accesibilidade da solución.
Cómpre informar que as candidaturas agruparanse nas seguintes categorías:
1.- Premio ao desenvolvemento de Aplicación Mobile for Good, que se outorgará a unha nova aplicación para smartphone que contribúa á mellora da calidade de vida, á autonomía persoal e á promoción do envellecemento activo.
2.- Premio ao proxecto M2M Mobile For Good, encamiñado a iniciativas que empreguen ou deseñen dispositivos conectados, que axuden a mellorar a calidade de vida, a accesibilidade e a autonomía das persoas en calquera dos seguintes eidos: vida na cidade, saúde e turismo.
3.- Premio ao proxecto de Solución TIC Mobile For Good, que se entregará a un proxecto que empregue o TIC como solución.
Engadir que o prazo de admisión finaliza o vindeiro 30 de abril de 2015, e a resolución do xurado notificarase aos participantes das diferentes categorías antes do 30 de xuño de 2015.
Para os interesados en participar nesta IX Edición dos Premios á Innovación en Telecomunicacións cómpre ver as bases completas dos premios e as condicións para presentar as candidaturas.

PUBLICIDADE