Viveiro recupera o seu pasado a través do proxecto Memoria Dixital TIC TAC

martes, 3 de febreiro do 2015 Redacción

A Deputación de Lugo vén de dar conta dos detalles dun exemplo concreto de aplicación de novas tecnoloxías a nivel local. Máis polo miúdo, o exemplo de Viveiro, concello no que se está a desenvolver o proxecto Memoria Dixital TIC TAC, levado a cabo na residencia Geriatros. Motivo polo cal visitaba onte a localidade costeira a vicepresidenta segunda, Lara Méndez, acompañada polo deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, e a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro. Indo ao miolo, lembrar que o municipio da Mariña foi un dos concellos que decidiron sumarse ao programa tecnolóxico InnovaTE2: Diputación Digital, que permitiu a creación de tres puntos de acceso de balde e libre a Internet de 256 Kps, o máximo legal permitido para este tipo de servizos emprestados polas administracións, dous no interior da casa consistorial e un na Praza do Concello.
Grazas a esta iniciativa, cofinanciada ao 80% por fondos europeos, dende 2011 máis de 150 viveirenses empregan a diario esta conexión segura a custo cero: máis de 3.100 accesos, especialmente entre as 11:30 e a 13:00 e as 17:30 e 19:00 horas. En canto ás páxinas máis visitadas, salienta a propia web da Deputación, seguida das redes sociais Facebook e Twitter; as páxinas de xornais que achegan información local; a rede de vídeos Youtube e, finalmente, xornais de información deportiva.
E en que consiste a Memoria Dixital TIC TAC? Pois trátase da elaboración, grazas ás testemuñas dos participantes (todos eles maiores de 55 anos) dun rexistro audiovisual de parte da historia local e galega, un banco de lembranzas no que gardar vivencias e cuxo contido será publicado nunha páxina web deseñada para a ocasión. Así, as historias e recordos de toda unha xeración estarán ao alcance de todos e perdurarán no tempo. Neste caso, son os dos maiores da residencia Geriatros, que pasarán a formar parte dun rexistro individual da memoria a través de pequenos relatos e anécdotas e, por outra, introdúcense no mundo das novas tecnoloxías, facilitándolles o acceso directo a unha tableta, aprendendo a manexala.

PUBLICIDADE