Viveiro dá luz verde a unha Wi-Fi de balde para todo o Concello

luns, 13 de febreiro do 2012 Raquel Noya

A xunta do Goberno municipal de Viveiro vén de reunirse esta mesma mañá para, entre outras cousas, comezar a darlle forma á posta en marcha dunha rede Wi-Fi de balde para todo o Concello, que estará activa nun “prazo de dous meses” e que garantirá entre 2 e 12 Mbps de velocidade de Internet para os veciños e veciñas.
Para isto, a entidade local vai asinar un contrato cunha empresa que se encargue da posta en marcha do servizo, que ascenderá a uns 5.553 euros anuais e que será subvencionado pola Deputación de Lugo.
Segundo avanzou o alcalde da localidade lucense, Melchor Roel, xa se investiron 60.000 euros” na instalación das infraestruturas necesarias en catorce puntos do municipio, que inclúe as antigas escolas rehabilitadas en Covas, Celeiro, Faro, Vieiro, Magazos, San Pedro, Chavín, Valcarría, Galdo, Boimente e Viveiro.
O proxecto xa fora anunciado no 2010 porén agardouse ata agora, en palabras de Roel, “pola inseguridade xerada trala sentencia que condenaba ao Concello de Málaga por ter unha Wi-Fi aberta”.
Logo de ter consultado o seu caso particular, Viveiro decidiu darlle luz verde a este proxecto, que tamén converterá ao municipio “no primeiro da comarca coa súa zona rural cuberta con ADSL” , malia que neste caso non será de balde e cada particular terá que aboar a contía de cadanseu contrato individual.

PUBLICIDADE