Vitelsa remata o proxecto de dixitalización das delegacións territoriais da CRTVG

venres, 30 de maio do 2014 Redacción

A firma Vitelsa, con sede en Santiago e Madrid (entre outras cidades), vén de informar polo miúdo dos seus traballos recentes abordando diversos procesos de modernización tecnolóxica no seo da Compañía de Radio Televisión de Galicia, CRTVG. Segundo nos contan fontes da empresa, o encargo baseouse en desenvolver a dixitalización e renovación das delegacións territoriais da entidade pública galega, un total de cinco delegacións emprazadas en Coruña, Vigo, Lugo, Ourense e Madrid.
O obxectivo da compañía con este proxecto foi o de “continuar ofrecendo un algo nivel de calidade na produción propia”, e desta arela xorde a modernización tecnolóxica dos ditos centros. Neles, aplicáronse os últimos avances tecnolóxicos en materia de captura, produción e emisión de contidos locais propios, explica Vitelsa, cuxa proposta tecnolóxica foi elixida en concurso público como “a máis axeitada de acordo a parámetros técnicos, económicos e de mellora sobre requirimentos funcionais solicitados”. Por outra banda, Vitelsa tamén salienta que o proxecto presentaba “un reto operativo relevante, xa que esixía realizar fondos cambios na infraestrutura das delegacións territoriais sen interferir coas súas operacións diarias”.
O alcance dos traballos desenvolvidos por Vitelsa abrangue o deseño, enxeñaría, subministración e posta en marcha para a total dixitalización da infraestrutura de audio, vídeo e datos dos centros territoriais, incluíndo a montaxe de novo mobiliario técnico en cada un dos controis de realización. Asemade, en cada un dos catro centros galegos “habilitáronse novos estudos audiovisuais, integrando cámaras robotizadas en alta definición programábeis que melloran a calidade técnica dos contidos producidos e optimizan os recursos asignados á produción dos mesmos”.
A maiores, aplicouse en cada centro unha solución avanzada e edición e posprodución dixital, que foi cen por cen integrada por Vitelsa. Desta forma, explica a empresa, “mantense un fluxo continuo de vídeo dixital desde o sistema de edición até o seu arquivo dixital e transferencia vía rede IP de datos á sede central da cadea en Santiago e entre sedes territoriais”. E engade: “O sistema é quen de xestionar de maneira transparente os múltiples formatos dixitais empregados, desde a etapa de captura até a edición e conformado final para a emisión dos contidos en cada unha das canles da cadea”.

PUBLICIDADE