Vitaminasparaogalego.gl preséntase este venres en Redondela cunha festa da lingua

venres, 20 de xaneiro do 2012 Fernando Sarasketa

A páxina web vitaminasparaogalego.gl, e máis toda a iniciativa do mesmo nome, vai recibir esta fin de semana un importante pulo. Lembrar que o sitio en cuestión é a face visíbel dunha proposta para preservar a actividade dos medios en galego e favorecer a chegada doutros novos, procedendo a proposta dunha alianza de plataformas integrada por Galicia Confidencial, Tempos Novos, Praza Pública, Novas da Galiza, Radiodifusión, Valminor.info, Quepasanacosta, Certo.gl, O Sil e Crónica3, entre outras. O pulo que se lle vai dar á dita iniciativa esta fin de semana vén con feitura de presentación e concerto, a desenvolver en Redondela este venres pola tarde e noite.
Segundo informan os promotores desta campaña, o arpista Roi Casal e a cantante Silvia Ferré actuarán antes e despois da presentación de Vitaminas para o galego, a partir das 19:30 na Casa da Cultura da vila pontevedresa. O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organizará o acto de posta en longo local da iniciativa, unha estratexia que tira proveito da Rede para o seu medre e espallamento, en todo o sentido da expresión. De feito, grazas ás doazóns en liña a campaña sumou máis de 5.100 euros, achegados a través da plataforma Verkami, superándose os obxectivos de recadación fixados nun principio. Todo o diñeiro, sinalan os promotores de Vitaminas, destinarase a sufragar a propia campaña e o mantemento económico dos medios colaboradores. En virtude das doazóns, engaden, os 140 mecenas que achegaron fondos están a recibir xa todo tipo de mercadotecnia da campaña, amais de agasallos ofrecidos polas empresas que colaboran. O obxectivo é reforzar esta vía de recadación, polo que durante os once días vindeiros, quen faga unha doazón na web vitaminasparaogalego recibirá produtos doados por Froitas León, queixos da denominación de orixe Arzúa Ulloa e unha fin de semana nunha casa de turismo rural. No acto de Redondela participará Manuel Bragado, en representación da plataforma Prolingua. Bragado tamén é presidente da Asociación Galega de Editores. Por parte dos medios organizadores falarán Pedro Telmo (O Val Miñor.info), Marcos Pérez (Praza Pública) e Henrique Sanfiz (Radiofusión).

PUBLICIDADE