Vitaminas para o Galego organiza un festival para apoiar aos medios que informan na nosa lingua

venres, 20 de abril do 2012 Redacción

A plataforma Vitaminas para o Galego, na que colaboran dúas ducias de medios, moitos deles dixitais, promovendo a nosa lingua no eido comunicativo e xornalístico, organiza o vindeiro venres 27 de abril un festival artístico para recadar os apoios precisos para o mantemento da campaña e dos propios medios que a fan posíbel, “que nos últimos anos sufriron importantes baixas”, sinálase. O evento inclúe un recital poético a cargo de Olalla Cociña, Xia Arias, Alicia Fernández e Gonzalo Hermo, seguido dun concerto do grupo punk de Muros Terbutalina.
O concerto será no Centro Social A Gentalha do Pichel, onde se poden mercar as entradas, ademais de na Reixa, Casa das Crechas e Restaurante Rúa. No mesmo festival, informan os responsábeis de Vitaminas, darase conta do proxecto en marcha de cara á celebración do 17 de maio, o Día das Letras Galegas.
A actuación é a primeira iniciativa da segunda fase da campaña, lanzada este inverno. A primeira fase logrou duplicar o obxectivo de recadación inicial, inxectando 6.800 euros grazas a colaboración de case 200 mecenas. A campaña Vitaminas para o Galego está artellada polos seguintes medios de comunicación, unha boa parte deles dixitais ou con vertente dixital: Tempos Novos, Galicia Confidencial, Radiofusión, Praza Pública, Novas da Galiza, Val Miñor.info e Quepasanacosta. Colaboran ademais Xornal Certo , O Sil.info , Crónica 3 , Radio Nordés , Terra Chá.Xa , Crónicas da Comarca , Surf GZ , Cardenos de Comunicación e Análise ,Lalín e Comarca , Hermes e Atenea , Disquecool , De Luns a Venres , Cabozo.com , Vencello , Cartafol , A nova Peneira , Programa radio Plástico Elástico , Cerne, terra de Melide e Gaceta de Fene

PUBLICIDADE