Vitae recunca en setembro co seu curso de xestión de proxectos áxiles con Scrum

mércores, 12 de xullo do 2017 Redacción

Vitae Consultores prosegue á volta do verán coa súa completa oferta formativa acerca de tecnoloxías para (precisamente) profesionais das tecnoloxías. Nesta liña e na de fornecelos de recursos para anticiparse ás necesidades de clientes e usuarios, insírese a 19 edición do seu Curso Dirección e Xestión de Proxectos TIC Áxiles con Scrum, Scrumban e Lean Software (formato PDF). Trátase dun obradoiro de 20 horas que se dirixe a dotar aos participantes cos coñecementos e ferramentas precisas para implementar os ditos modelos de traballo e poder, desta maneira, adaptarse ás necesidades dos proxectos que teñan en curso e máis dos seus clientes. O curso levarase a cabo os días 22, 23, 29 e 30 de setembro na Coruña, novamente no Hotel Attica 21.
Segundo Vitae, a raizame desta actividade formativa está na devandita necesidade de actualizarnos. Máis en concreto, de actualizar os nosos recursos para afinar puntería en atender e cumprir os requirimentos de quen solicite os nosos servizos TIC. Así nolo resume Vitae: “Tendo en conta o moito que evoluciona o mercado e a necesidade das empresas de adoptar medidas para satisfacer de maneira eficaz e rápida as demandas do cliente, propoñemos este curso sobre o uso de Scrum en proxectos e desenvolvemento de software”. Esta metodoloxía, engaden dende Vitae, permitirá a implicación e auto-organización de todo o equipo profesional dunha corporación para fixar un punto de partida e definir o proceso de desenvolvemento que se executará durante o proxecto.
Nun plano máis detallado acerca do programa do curso, neste abordaranse as diferenzas entre as devanditas metodoloxías áxiles e as súas vantaxes e inconvenientes con respecto a metodoloxías pesadas como CMMI, PMI e ISO, “dando unha perspectiva global aos asistentes para que adquiran os coñecementos precisos para seleccionar a metodoloxía de dirección segundo as necesidades de cada proxecto”.
A encargada de impartir estes contidos será Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira superior en Informática e na actualidade coordinadora de Proxectos e responsábel de Seguridade da Calidade do Desenvolvemento de Software na dirección de Electrónica HMI do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, o CTAG. Josefina Alonso, ademais, posúe unha ampla experiencia nos eidos do desenvolvemento de software e do asesoramento empresarial e a centros de I+D (traballou para a Axencia Europea do Espazo, o CTAG, o CITIC, Tecnocom, SIVSA, Seresco, Coremain ou Balidea, entre outras moitas entidades).

PUBLICIDADE