Vitae recunca co seu curso sobre uso eficaz dos datos para a toma das mellores decisións

mércores, 14 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

Vitae Consultores quere que sexamos profesionais TIC con amplitude de coñecementos, e que ademais esteamos en disposición de aplicar eses coñecementos a cada intre ou en cada reto no que vexamos mergullados. Por certo que moitos destes desafíos aos que nos imos ver abocados, máis tarde ou máis cedo, teñen relación directa coa información e co seu manexo, tratamento e aproveitamento útil e intelixente. É por este motivo que Vitae recunca esta tempada cunha nova edición, a terceira, do seu Curso en Aberto Ciencia de Datos con Excel, Power BI e R. O obradoiro, de 20 horas, celebrarase en Vigo (o Centro Social AFundación da rúa Policarpo Sanz) os días 20, 21, 27 e 28 de abril.
Novamente, coma nas anteriores edicións, diríxese a adestrarnos nas ferramentas actuais máis eficaces para a xestión dos datos, máis necesarias ca nunca tendo en conta dúas cousas: o proceso imparábel de medre da información e, tamén, as posibilidades que se derivan desta marea de coñecemento para obtermos as mellores decisións.
En palabras de Vitae, trátase dun curso que bota luz sobre a importancia actual da información e de como esta medra a pasos axigantados, poñéndose de relevo como unha fonte importante de achados (sempre e cando deamos coas mellores metodoloxías de manexo e estudo).
En termos máis concretos, o obradoiro fornecerá aos asistentes formación en conceptos e recursos como os usos e vantaxes dos histogramas, os gráficos de Pareto, os boxplots ou o Teorema de Bayes (que, na teoría da relatividade, emprégase decote para revisar probabilidades previamente calculadas cando se posúe nova información).
Segundo Vitae, ao remate deste curso de estatística aplicada os participantes estarán en posesión de novos e importantes coñecementos e habilidades no ámbito da ciencia dos datos. Os beneficios disto pasan en boa medida por outorgarlles a capacidade precisa para tomar as mellores decisións, amais de achegarlles unha sólida experiencia en estatística e probabilidade básica, o que axudará a unha mellor comprensión dos datos.
Os obxectivos do curso son os seguintes: subministrar formación avanzada en estatística (estatística descritiva, probabilidade básica, variábeis aleatorias, probas e intervalos de confianza, probas de hipóteses), visualización de datos con Excel e Power BI, coñecemento da ferramenta libre R para a análise de datos e visualización.
No que atinxe aos requisitos que se solicitan, para poder tirar proveito do curso debemos de estar familiarizados coa organización e a análise de datos en Excel, empregando as ferramentas que proporciona a folla de cálculo como táboas, táboas dinámicas e gráficos dinámicos.
O profesional que impartirá o obradoiro será novamente Antonio Soto Rodríguez, enxeñeiro en Informática de Sistemas pola Universidade da Coruña e profesional con máis de dúas décadas de experiencia como consultor técnico experto e certificado, achegando formación na Universidade Microsoft e a empresas e organismos como a NASA, NASDAQ, PEMEX, SERGAS, Citroen, CEAGA, Inditex, Ferroplast, Banco Popular, ABANCA, Xunta de Galicia ou Abertis.

PUBLICIDADE