Vitae proporciona adestramento para afrontar o gran reto dos nosos días: o dos datos masivos

mércores, 27 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

A consultora galega Vitae vai brindarnos os días vindeiros unha nova oportunidade para participar nun obradoiro feito á medida do noso adestramento continuo en materia de xestión, tratamento e análise de datos (de datos en perpetua fase de medre). Estamos a falar da sétima edición do Curso Big Data Deseño e Arquitectura de Solucións con Hadoop, Spark e R, cuxa primeira convocatoria remóntase a 2012, polo que se trata dun dos obradoiros de meirande relevancia histórica da consultora (e do noso panorama formativo galego en xeral).
Serán novamente 20 horas de adestramento avanzado sobre recursos especialmente acaidos para converter a información en bruto en datos de valor, útiles e rendíbeis. En termos máis concretos, o curso aprenderanos a manexar ferramentas que converten en doada e útil a información inxente, que é, por outra banda, unha realidade (a do Big Data) coa que deberemos “convivir” nas mellores condicións de capacitación.
O curso, polo tanto, pon o foco na importancia da información, tanto a nivel múltiple e xenérico como a nivel de detalle, atendendo a cada dato por pequeno sexa e salientando a súa importancia. Por exemplo á hora de proporcionar vantaxes competitivas (onde é preciso coñecer as diferentes aproximacións que temos dispoñíbeis para xestión de grandes cantidades de datos).
Durante este obradoiro, que se celebra en Vigo os días 11, 12, 13 e 14 de xullo (no Centro Social Afundación de ABANCA, na rúa Policarpo Sanz), analizaranse os diversos vieiros que podemos encarar para abordar o manexo de datos a gran escala, mostrando as alternativas de arquitectura dispoñíbeis, con vistas a dar resposta aos requirimentos de análise de información de cada entidade ou empresa.
No curso empregarase HDinisght, a distribución Hadoop de Microsoft na nube para os laboratorios prácticos durante o curso, aínda que os conceptos serán válidos para calquera das distribucións do mercado.
Os obxectivos do obradoiro son os seguintes: coñecer as diferentes arquitecturas dispoñíbeis e posíbeis para definir unha arquitectura Big Data; diferenciar os diversos tipos de requirimentos de análise de información; e introducirnos na analítica avanzada a través dos programas Spark e R.
O curso vai dirixido a profesionais do ámbito das Tecnoloxías da Información (TI) que queiran adquirir coñecementos sobre a xestión, o manexo e a interpretación do coñecemento masivos
O temario abrangue unha introdución a Hadoop, os fundamentos de almacenamento, un achegamento á configuración de servizos Hadoop, o uso de Ambari para seguimento e administración, os fundamentos de Hive, a arquitectura de Apache Spark e un achegamento ao R-Server en Spark.
O profesional que impartirá o obradoiro será Antonio Soto Rodríguez, enxeñeiro en Informática de Sistemas pola Universidade da Coruña e profesional con máis de dúas décadas de experiencia como consultor técnico experto e certificado, achegando formación na Universidade Microsoft e a empresas e organismos como a NASA, NASDAQ, PEMEX, SERGAS, Citroen, CEAGA, Inditex, Ferroplast, Banco Popular, ABANCA, Xunta de Galicia ou Abertis.

PUBLICIDADE