Vitae prepara aos nosos profesionais TI nas máis axeitadas metodoloxías de resposta ante un ciberataque

xoves, 6 de abril do 2017 Redacción

Vitae Consultores prepara para os vindeiros un curso de 20 horas sobre metodoloxías e recursos plenamente actualizados para sabermos como responder ante cousas como unha incidencia informática ou unha tentativa de roubo de datos, tanto antes, como durante, como despois de darse estas circunstancias. Trátase dun obradoiro de 20 horas no que tratará de responder ás seguintes preguntas con respostas concretas e coñecemento de utilidade: Saberíamos como actuar nunha situación de ameaza TIC? Coñecemos os pasos que cómpre dar para facilitar a solución e unha posíbel investigación? Saberíamos distinguir se o incidente constitúe un delito ou non? Que teríamos que facer para previr estas situacións? O curso Protocolos ante ciberataques e incidentes en seguridade TI (formato PDF), terceira edición, celebrarase en Vigo os días 5, 6, 19 e 20 de maio.
Como dixemos, no obradoiro forneceranse os datos e recursos precisos para sabermos que medidas tomar perante un problema de seguridade en activos dixitais dende o punto legal e de procedemento para axudar na investigación tecnolóxica por parte das autoridades competentes e previlos no futuro. En palabras de Vitae, “cando os ingresos proveñen de Internet ou co uso das novas ferramentas ou cando os servizos empréstanse por Internet ou co emprego das TIC, ou cando na produción industrial úsanse estas de maneira relevante, as empresas e os organismos están a dar pasos importantes en materia de concienciación e xa están a aplicar todo tipo de medidas para asegurar os seus activos”. É aí, nesta demanda de profesionais cualificados neste ámbito, onde entra en xogo este curso de Vitae Consultores.
Os seus obxectivos son: coñecer a lexislación acerca de medidas de investigación tecnolóxica, coñecer o procedemento e pasos a seguir en caso de incidente de seguridade TIC e saber os pasos a seguir en incidentes de seguridade en dispositivos móbiles.
O curso, que se vai desenvolver na sede de AFundación en Vigo (números 24 e 26 da rúa Policarpo Sanz) está dirixido a administradores de sistemas TI, responsábeis da seguridade e a administración de activos informáticos ou calquera profesional que teña responsabilidade sobre estes activos. A persoa encargada de impartir os contidos será Gonzalo Sotelo, responsábel do equipo de Investigación Tecnolóxica da Garda Civil de Pontevedra. Diplomado en Policía Xudicial pola Universidade Complutense e en Investigación Tecnolóxica pola Garda Civil, Europol e Interpol, é formador especializado en todo tipo de actividades referenciais sobre seguridade informática e metodoloxías para desenvolver pescudas TI. No seu haber atópase unha longa experiencia de asesoramento a empresas e organismos como a Xunta de Galicia, a Universidade de Vigo, a Universidade de Santiago, Altia, Balidea ou Dinahosting.

PUBLICIDADE