Vitae organiza un novo curso sobre datos a gran escala, deseño e arquitectura

mércores, 9 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

A información a gran escala é unha gran oportunidade se contamos coas ferramentas de manexo e análise axeitadas, e, por suposto, se sabemos como tirar partido delas. Isto cobra aínda máis importancia se temos en conta que o coñecemento en grandes formatos pode axudarnos a facer que unha empresa funcione máis e mellor, que un proxecto tecnolóxico sexa máis eficiente e certeiro e que unha administración pública consiga ser máis eficaz e sustentábel en materia de recursos. Para axudarnos nos nosos obxectivos de xestión a gran escala, a consultora Vitae organiza en Vigo (os días 8, 9, 15 e 16 de xuño) a sétima edición do seu Curso Big Data Deseño e Arquitectura de Solucións con Hadoop, Spark e R, cuxa primeira edición remóntase a 2012.
O obradoiro achega 20 horas de formación avanzada sobre ferramentas de gran utilidade para extraer (precisamente) utilidade de cada dato. E con máis razón agora que cada miúdo anaco de coñecemento que poidamos manexar ten o seu valor. Para facernos unha idea disto, un dato que noutras circunstancias pasaría desapercibido, coas ferramentas sobre as que este obradoiro bota luz pode converterse nun extra de competitividade.
Na actividade formativa afondarase nos distintos vieiros dispoñíbeis para acometer a xestión de Big Data, mostrando as alternativas de arquitectura dispoñíbeis, con vistas a dar resposta aos requirimentos de análise de información de cada entidade ou empresa.
Segundo informa Vitae, no curso botarase man de HDinisght, a distribución Hadoop de Microsoft na nube para os laboratorios prácticos durante o curso, aínda que os conceptos serán válidos para calquera das distribucións do mercado.
Os obxectivos do obradoiro son os seguintes: coñecer as diferentes arquitecturas dispoñíbeis e posíbeis para definir unha arquitectura Big Data; diferenciar os diversos tipos de requirimentos de análise de información; e introducirnos na analítica avanzada a través dos programas Spark e R.
A cita encamíñase principalmente a profesionais do ámbito das Tecnoloxías da Información (TI) que queiran adquirir coñecementos sobre a xestión, o manexo e a interpretación do coñecemento a esgalla.
O temario abrangue unha introdución a Hadoop, os fundamentos de almacenamento, un achegamento á configuración de servizos Hadoop, o uso de Ambari para seguimento e administración, os fundamentos de Hive, a arquitectura de Apache Spark e un achegamento ao R-Server en Spark.
O profesional que impartirá o obradoiro será Antonio Soto Rodríguez, enxeñeiro en Informática de Sistemas pola Universidade da Coruña e profesional con máis de dúas décadas de experiencia como consultor técnico experto e certificado, achegando formación na Universidade Microsoft e a empresas e organismos como a NASA, NASDAQ, PEMEX, SERGAS, Citroen, CEAGA, Inditex, Ferroplast, Banco Popular, ABANCA, Xunta de Galicia ou Abertis.

PUBLICIDADE