Vitae organiza en outubro un curso que reivindica na importancia dunha boa comunicación en equipos TI

martes, 12 de setembro do 2023 S. P.

A consultora galega Vitae vai achegar en outubro a segunda edición dun curso dirixido a mellorar as nosas capacidades de diálogo, integración e colaboración en empresas do sector tecnolóxico e innovador. Trátase do curso Habilidades de Comunicación para Equipos TI, que se celebra os días 16, 18 e 20 de outubro e que inclúe 9 horas de formación. Baséase en poñer o foco nas posibilidades, beneficios e vantaxes dunha óptima comunicación, un dos factores fundamentais para a xestión de proxectos de Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC) e para a promoción da colaboración, a coordinación e o intercambio de información dentro do equipo.
Ademais, sinalan dende Vitae, “contribúe a manter a todos os profesionais involucrados aliñados, xestionar as expectativas, abordar problemas e cambios, e manter ás partes interesadas informadas sobre o progreso do proxecto”.
En última instancia, engade Vitae, “unha comunicación sólida e clara mellora as posibilidades de éxito do proxecto e contribúe á satisfacción dos clientes e usuarios finais”.
Co obxectivo de salvar os escollos que pode atopar a introdución na empresa de melloras comunicacionais, neste curso desenvolveranse competencias e habilidades en base a un cambio nos esquemas mentais e de conduta da persoa, combinándose aspectos teóricos con exercicios e dinámicas que permitan comprender e interiorizar os conceptos e producir a devandita adaptación ao novo contexto de diálogo, comprensión, empatía e colaboración.

Obxectivos do curso

-Propiciar un cambio de mentalidade e da conduta para desenvolver as habilidades de comunicación.
-Achegarnos habilidades para desenvolvernos con máis facilidade en situacións onde a comunicación sexa importante.
-Axudar a evitar e suavizar situacións que actualmente producen tensión nas partes implicadas.
-Desenvolver as competencias e habilidades de comunicación e de relación nos equipos e profesionais TI.
-Obter fluidez e eficiencia na comunicación con clientes internos e externos.
-Conseguir profesionais cos que sexa máis sinxelo comunicarse e entenderse.
A encargada de impartir estes contidos será novamente Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira superior en Informática e na actualidade directora da área de Operacións en DIHGIGAL HUB (Asociación para la Transformación Digital de la Industria Gallega). Josefina Alonso, ademais, posúe unha ampla experiencia nos eidos do desenvolvemento de software e do asesoramento empresarial e a centros de I+D (traballou para a Axencia Europea do Espazo, o CTAG, o CITIC, Tecnocom, SIVSA, Seresco, Coremain ou Balidea, entre outras moitas entidades).

PUBLICIDADE