Vitae móstranos como converternos en expertos creadores de aplicacións empresariais

martes, 31 de agosto do 2021 S. P.

Proseguen este remate do verán os cursos tecnolóxicos de Vitae Consultores, unha completa axenda formativa en constante actualización que cubre tematicamente todos e cantos ámbitos profesionais mobiliza e acubilla a gran revolución informática do noso tempo. En setembro é a quenda da quinta edición do curso Angular Avanzado: Desenvolvemento de aplicacións empresariais. Serán 20 horas de formación. Celebrarase en formato de formación a distancia (a través da aula virtual de Vitae) os días 20, 21, 22, 23, 27, 28, 29 e 30 de setembro.
O cuso, unha porta aberta para o deseño e o desenvolvemento de grandes ferramentas web con Angular, permitiranos coñecer as técnicas e ferramentas que permiten un crecemento da base de codigo acorde ao framework máis usado por bancos, empresas e grandes organizacións. En definitiva, explican dende Vitae, aprendermos a “crear solucións de xestión de tamaño empresarial”. Nun plano máis detallado, abordarase o estudo das prácticas precisas para proxectos profesionais. Ao tratarse dun curso avanzado, requiriranse coñecementos prácticos mínimos, pois explicaranse técnicas habituais en proxectos de envergadura.
Estes son os obxectivos:
-Instalar, configurar e empregar as ferramentas para grandes solucións multiproxecto con NX.
-Usos avanzados de datos asíncronos en aplicacións SPA.
-Aplicación e posta en marcha centralizada de aspectos críticos como a seguridade e o tratamento dos erros.
-Organizar a comunicación dos datos aos compoñentes.
-Manexar e xestionar formularios complexos e validacións de entrada.
-Reutilización da lóxica da presentación: directivas, modelos e organizacións.
O formador neste curso de Vitae Consultores será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae Consultores.

PUBLICIDADE