Vitae móstranos como acadar contornas seguras no desenvolvemento de aplicacións

martes, 23 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

Se na actualidade hai unha cuestión de relevancia que deban ter en conta os profesionais das novas tecnoloxías é a seguinte: como protexer as súas contornas de traballo, os seus proxectos, as súas comunicacións e a súa información ante as ameazas que proliferan a través das redes? O tema da protección dixital, ademais, é un deses temas multidireccionais que non deixan eido produtivo ou administrativo sen atinxir: afectan ás empresas e ás administracións, aos profesionais das TIC e aos de calquera outro sector, aos traballadores dixitais e aos usuarios de a pé. En consecuencia, a demanda de recursos que acheguen contornas seguras de desenvolvemento non para de medrar. A consultora Vitae vén de lanzar un curso en aberto para facilitar que esta demanda sexa atendida.
O Curso Introdución á Programación Segura ante Ciberataques inclúe 20 horas de formación e celébrase na Coruña (Hotel Attica 21) os días 26 e 27 de novembro e os 3 e 4 de decembro. Nesta actividade formativa as e os asistentes “poderán adquirir os coñecementos básicos precisos para o desenvolvemento seguro de aplicacións”.
En termos máis concretos, o curso abrangue formación moi acaída para desenvolvedores de ferramentas e servizos informáticos, afondando no ámbito do backend con Java ou o frontend con Angular e JavaScript, entre outras cuestións. “A nosa intención”, comentan dende Vitae, é achegar recursos para a creación protexida de aplicacións, partindo dun nivel introdutorio e facilitando os coñecementos precisos para poder levar a cabo aplicacións seguindo estándares de desenvolvemento seguro”.
Amais, abordarase o proxecto OWASP así como a clasificación dos dez tipos de vulnerabilidades máis frecuentes na creación de programas. Cada posíbel punto feble detallarase tecnicamente, debullando os riscos de representan, as técnicas de explotación ou as contramedidas a pór na práctica. Asemade, debullaranse as boas prácticas a aplicar para traballarmos protexidos dixitalmente con Java, JavaScript e Angular, así como con S-SDLC.
O encargado de impartir estes contidos é Deepak Daswani, experto amplamente recoñecido a nivel internacional en materia de hacking ético e ciberseguridade que ten fornecido servizos a entidades de referencia no sector como INCIBE ou a firma Deloitte. É relator habitual nas principais conferencias do sector e colaborador asiduo de diversos medios de comunicación a nivel autonómico en Canarias, estatal e internacional. Ten formado e asesorado a clientes como Roche, a devandita Deloitte, Johnsson & Johnsson, Orange ou Mapfre, entre outras compañías referencias.

PUBLICIDADE