Vitae móstranos as posibilidades que ofrece Microsoft Power Excel no manexo dos datos

martes, 11 de xaneiro do 2022 S. P.

Comezou o ano e prosegue a actividade de Vitae Consultores no camiño de conseguir que os nosos profesionais TIC avancen aínda máis en excelencia, espírito innovador e capacitación. O catálogo de cursos destes meses inclúe unha manchea de actividades moi destacadas, entre as çque se atopa, en febreiro, unha nova edición (a cuarta) do curso avanzado sobre Microsoft Power Excel con Power Query, Power Pivot e DAX, centrado en facer avanzar os recursos dos nosos profesionais en materia de xestión da información. Serán 20 horas de actividade, a desenvolver os días 7, 8, 9, 10, 14, 15, 16 e 17 de febreiro.
Segundo informa a consultora, neste curso aprenderemos a explotar os datos en Excel cunhas potentes ferramentas que están integradas nas últimas versións de Microsoft Office, que non son outras que Power Query, Power Pivot e DAX.
En virtude deste curso os participantes poderán afrontar importantes retos en materia de datos (elaborarán cadros de mandos a partir de arquivos ou táboas que dean resposta ás principais preguntas que xurdan sobre o manexo das ditas ferramentas) e terán a oportunidade de coñecer as principais características do traballo con Power Query para a preparación da información e de Power Pivot con vistas a modelar e crear cálculos con DAX, e pasar logo os datos manexados a un proxecto con Power BI.
En definitiva, os participantes no curso obterán adestramento nos seguintes puntos:
· Como conectarse aos datos, darlles forma e cargalos para a súa análise.
· Como visualizar os resultados con táboas dinámicas.
· Como crear un informe que conecte táboas e gráficas dinámicas para mostrar os resultados da
análise sobre a información en orixe.
· Como iniciar un proxecto cos nosos datos de Excel en Power BI.
A actividade formativa está dirixida a profesionais ou usuarios de negocio afeitos a traballar e debullar datos con Excel que precisen traballar con maiores cantidades de información e dun xeito máis automatizado.
O curso terá unha duración de 20 horas, repartidas en sesións de 2,5 horas, e impartirase na Aula Virtual de Vitae, con clases en directo mediante vídeo-conferencia.
Será impartido por Juan Naya, enxeñeiro industrial e profesional con máis de 10 anos de experiencia en postos de responsabilidade dentro das áreas de produción, planificación e loxística. Trátase dun experto en materia de datos e xestión. Na actualidade ofrece solucións profesionais a medida e formacións de alto valor engadido das principais ferramentas de análise da información de Microsoft, como Excel e Power BI. Entre as empresas e entidades que asesorou ou formou atópanse Inditex, o Grupo Profand, a Autoridade Portuaria de Avilés, o Grupo Pérez Rumbao, Inturasa, Galuresa, EimSkip, Altrans, Televés, CivisGlobal, Todos Gómez ou Grupo Babé Logística. Está certificado por Microsoft como Microsoft Excel Expert e Data Analyst Associate.

PUBLICIDADE