Vitae mostra aos nosos profesionais como obter a máxima calidade no software

xoves, 6 de xullo do 2017 Redacción

Vitae quere afianzar entre os nosos profesionais as metodoloxías máis avanzadas de validación e avaliación de programas en proceso de desenvolvemento. Ou sexa, os recursos máis innovadores para que non se lles escape ningún detalle durante o proceso de creación dunha ferramenta. Con este motivo, Vitae organiza a cuarta edición do Curso Certificación ISTQB en Fumdamentos en Testing (formato PDF). Este obradoiro, en palabras da consultora-academia galega, céntrase na área do testing comezando polos alicerces da avaliación pormenorizada do software, explicando as diferentes probas que se poden realizar así como o deseño destas e as ferramentas existentes para realizar proxectos de testing a nivel profesional. O curso, de 16 horas, desenvolverase na Coruña no Hotel Attica 21 os días 18 e 19 de setembro.
A base do obradoiro está na importancia cada vez maior que as empresas, os profesionais e as entidades de todo mundo lle dan a un programa sen fisuras. En palabras de Vitae, “a calidade no desenvolvemento do software é unha vantaxe competitiva e para acadar esta vantaxe é preciso dispor dos coñecementos e os recursos necesarios”.
O curso dá a opción de Certificación en Fundamentos de Testing polo ISTQB, un programa de certificación (polas súas siglas International Software Testing Qualifications Board) recoñecido como un estándar internacional para todos os profesionais do testeo de software.
Os obxectivos son “fornecer dos procedementos e métodos de meirande relevancia en probas que capacitarán ao asistente para xestionar, planificar, deseñar e executar probas de programas coa meirande eficacia”. Grazas ao curso, os asistentes poderán entender os conceptos clave e fundamentos das validacións, asegurar un alicerce sólido para o medre profesional e entender técnicas básicas de probas de software.
O encargado de impartir os contidos será Aurelio Gandarillas Cordero, enxeñeiro en Informática e enxeñeiro técnico industrial en Electrónica, con máis de 25 anos de experiencia profesional no sector TI e máis dunha ducia de anos de bagaxe como consultor e formador en desenvolvemento e calidade do software.

PUBLICIDADE