Vitae lévanos da man ás potencialidades de AngularJS

mércores, 9 de marzo do 2016 Redacción

Vitae Consultores segue adiante coa súa completa oferta formativa para esta primeira recta do ano 2016. Desta volta cómpre informar da cuarta edición do seu curso Programación Web Profesional con AngularJS (accesíbel en PDF), unha actividade de 20 horas a desenvolver en Vigo e que xirará arredor das potencialidades de AngularJS, como lembraremos unha infraestrutura JavaScript MVC desenvolvida por Google que nos permite, entre outras cousas, crear código ben artellado e construír grandes aplicacións de interacción directa co usuario (front-end) moi doadas de manter. Segundo contan dende Vitae, AngularJS “consiste nunha serie de ferramentas integradas e modulares que posibilitan facer mellores ferramentas web con menos código”.
O curso desenvolverase os días 15, 16, 22 e 23 de abril (os venres pola tarde e os sábados pola mañá). Segundo informa Vitae sobre as posibilidades de uso que se abren co seminario, a tecnoloxía AngularJS amplía o HTML e o JavaScript “levándoos ao deseño profesional de aplicacións empresariais”. Os obxectivos do curso son ensinar a desenvolver ferramentas de negocio de calidade profesional empregando a estrutura AngularJS de Google, amais de amosar en detalle as súas posibilidades e a súa integración en casos prácticos. Ademais, botarase luz sobre as características do dito framework con outros semellantes como Backbone ou JQuery.
O curso está especialmente dirixido a programadores de aplicacións web, especialmente aqueles con experiencia noutras infraestruturas. Tamén será de utilidade para programadores de backend, aplicacións móbiles ou deseñadores de páxinas. Segundo advirte Vitae, precísase unha experiencia previa básica en JavaScript e HTML. A actividade levarase a cabo no Centro Social AFundación de Abanca en Vigo, no 24 da rúa Policarpo Sanz. O formador será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae Consultores.

PUBLICIDADE