Vitae introdúcenos na metodoloxía TDD para conseguir aplicacións máis fiábeis e menos custosas

martes, 9 de novembro do 2021 S. P.

No ámbito do desenvolvemento tecnolóxico, recursos para garantir os mellores resultados nos nosos proxectos (resultados que garantan a eficiencia, a durabilidade, a rendibilidade e a utilidade), hai moitos e variados, pero se cadra entre os máis sobranceiros atópanse os TDD (Test-Driven Development), siglas que aluden ao ámbito do desenvolvemento guiado por probas. Segundo informa Vitae, estas metodoloxías axudarannos a evitar sobrecustes e problemas de fiabilidade nas nosas aplicacións, eivas que se poden dar no resultado final por moito coidado que poñamos no traballo despregado.
O desenvolvemento TDD, do que é moi indicado botar man para garantir que todas as partes dunha aplicación estean cubertas por probas, centra un novo curso de Vitae. Será os días 29 e 30 de novembro e 1 e 2 de decembro, en horario de tarde a través do formato de aula virtual con clases en directo.
O Curso TDD, programas fiábeis con TypeScript e Jest inclúe 12 horas de formación.
Nesta actividade informativa, sinala a consultora galega Vitae, exploraremos as técnicas e ferramentas fundamentais para a realización de probas unitarias e de integración antes que o código. Farémolo de xeito práctico, “porque TDD é unha disciplina, que só se adquire practicando moito”, explican dende a consultora, engadindo que os obxectivos do curso son mostrar a terminoloxía e a filosofía do TDD, crear novo código correcto baixo o paradigma Test-Driven Development, e probar diferentes aproximacións e valorar a súa eficacia. Vai dirixido a programadores con experiencia en JavaScritp, TypeScript e Java ou C#.
O formador será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae Consultores.

PUBLICIDADE