Vitae introdúcenos en xuño nos fundamentos e as utilidades do testing

martes, 9 de maio do 2023 S. P.

No ámbito tecnolóxico resulta especialmente relevante que sexamos eficaces e rápidos no noso traballo, pero tamén rigorosos e exhaustivos, co obxectivo de atender as demandas dos nosos clientes (que esixen prazos de resposta curtos e calidade nos resultados). Para garantir a máxima satisfacción de todas as partes nos resultados finais resulta inevitábel, malia o moito que se ten avanzado no desenvolvemento de programas, que unha parte do traballo sexa adicada ás probas (o testing). As vantaxes da “fase de probas” son múltiples e variadas, e comparten todas elas o mesmo alicerce: garantir a máxima calidade para un produto. Porén, fan falta recursos que fagan máis accesíbeis estas metodoloxías e, tamén, que non as vexamos como inimigas senón todo o contrario. Aí entra en xogo a nova edición (a décima xa) do Curso de Fundamentos en Testing que organiza novamente Vitae Consultores.
A actividade formativa sobre testing celebrarase os días 12, 13, 14, 19, 20 e 21 de xuño, en formato de aula virtual. Incluirá novamente 16 horas de contidos e servirá, nun plano máis detallado, para capacitar aos asistentes no dominio de recursos que optimicen os seus proxectos, adestrándoos en metodoloxías útiles para transformar ferramentas desenvolvidas para sacar un aprobado en ferramentas feitas para obter un notábel ou mesmo un sobresaliente.
O curso, un achegamento integral aos coñecementos e ferramentas precisas para asegurar o factor calidade na creación de programas, subministra a opción de Certificación en Fundamentos de Testing polo programa de certificación ISTQB (International Software Testing Qualifications Board), que é o estándar mundial para avaliadores de programas informáticos.
Segundo explican dende a academia Vitae Consultores, a finalidade desta acción formativa é proporcionar os procedementos e métodos de meirande relevancia actual para capacitar aos asistentes na xestión, na planificación, no deseño e na execución de probas de software coa meirande eficacia. Desta maneira, os profesionais que participen no obradoiro terán “a oportunidade de entender os conceptos clave das probas de software, asegurar un alicerce sólido para o medre profesional na área e comprender as técnicas básicas de validación de programas”, engade Vitae.
O curso está dirixido a profesionais da actividade de probas, como testers, analistas e enxeñeiros de probas, así como responsábeis de calidade de software. Tamén se encamiña a profesionais que desexen acadar unha visión avanzada e integral dos procesos de avaliación, como xefes de proxectos, analistas de negocio, xerentes, consultores TI e programadores.
A persoa encargada de impartir todos estes contidos será Aurelio Gandarillas, enxeñeiro en Informática e enxeñeiro técnico industrial en Electrónica, con máis de 25 anos de experiencia no sector das novas tecnoloxías da información e máis dunha ducia de anos como consultor e formador nos eidos do deseño, a implantación e a mellora dos procesos de desenvolvemento e calidade do software.

PUBLICIDADE