Vitae introdúcenos en febreiro na programación con Flutter

martes, 9 de xaneiro do 2024 S. P.

Vitae Consultores prepáranos para febreiro un curso sobre Flutter, ferramenta aberta desenvolvida por Google para crear aplicacións móbiles tanto para Android como para iOS (Apple), cuxas principais vantaxes son as posibilidades que ofrece de compilar en nativo, un sistema flexíbel para crear interfaces gráficas e, tamén, moita axilidade no desenvolvemento de ferramentas de calidade (permite ver resultados de xeito inmediato mentres se escribe o código). O curso de Vitae (Introdución á programación con Flutter) consta de 24 horas e vén en formato de aula virtual. Desenvolverase os días 5, 7, 8, 14, 15, 19, 21 e 22 de febreiro de 2024.
Segundo explica a consultora galega, este curso caracterízase polo seu enfoque “eminentemente práctico”, onde os conceptos teóricos preséntanse de maneira dinámica a través de exemplos desenvolvidos en tempo real polo instrutor durante as sesións. Os participantes terán a oportunidade de presenciar a aplicación práctica de cada concepto, seguido por exercicios guiados que lles permiten aplicar e reforzar o aprendido. A metodoloxía de ensino céntrase na participación activa dos alumnos, que estarán inmersos na resolución de problemas e a creación de solucións concretas. “Esta dinámica”, explica Vitae, “asegura que os participantes adquiran non só coñecementos teóricos, senón tamén a destreza práctica necesaria para desenvolver aplicacións efectivas con Flutter”. O obxectivo, engade a consultora, “é que ao finalizar o curso o alumnado non só comprendan os principios fundamentais, senón que tamén desenvolvan habilidades prácticas sólidas a través da aplicación directa dos conceptos en exercicios guiados e proxectos prácticos”.
O curso será impartido por Eduard Carreras, licenciado en Matemáticas e mestrado en Matemática Aplicada pola Universidade de Barcelona. Posúe máis de 20 anos de experiencia no eido do desenvolvemento de software, destacando a súa contribución na tecnoloxía detrás da distribución de resultados para os Xogos Olímpicos en seis edicións consecutivas, desde Salt Lake 2002 ata Londres 2012.
É desenvolvedor freelance na exclusiva rede Toptal especializándose no desenvolvemento de aplicacións móbiles, con varias aplicacións publicadas para Android baixo a marca Poquesoft, que suman máis dun millón de descargas en Google Play e Apple Store. Tamén publicou para iOS desenvolvementos realizados en Flutter.
Entre as empresas e organismos que asesorou atópanse Nestlé, Acció, Atos, Fluidra, La Caixa, COI, FIFA, Toptal, Bizphone, CIFO L’Hospitalet, Barcelona Activa, etc.

PUBLICIDADE