Vitae introdúcenos cun novo curso no potencial do Big Data para o ámbito dos negocios

xoves, 14 de abril do 2016 Fernando Sarasketa

Vitae Consultores prosegue coa súa máis que completa axenda de actividades formativas avanzadas para os nosos profesionais TIC. Desta volta cómpre salientar un obradoiro directamente encamiñado a actualizarnos sobre información masiva e a súa aplicación no ámbito empresarial. O curso Big Data: Ferramentas Tecnolóxicas e Aplicacións para Negocio (información en formato PDF) celebrarase na Coruña (no Hotel Attica21) os días 20, 21, 27 e 28 de maio. Terá unha duración de 20 horas e o seu obxectivo, segundo nos contan dende Vitae, é “proporcionar unha visión do Big Data tanto dende o punto de vista de negocio como do da tecnoloxía”.
Ao remate da actividade, engádese, “os asistentes comprenderán en todo o seu alcance que significa o dito concepto e, tamén, todo o que non significa”. Ou sexa, para que serve o Big Data e con que se pode facer Big Data.
En termos concretos, os participantes no obradoiro estarán en disposición de facer cousas como recoñecer os cen termos máis empregados ao abeiro deste ámbito da información masiva (termos como “Cloudera”, “Hadoop”, “Hortonworks”, “MapR”, “HDFS”, “Spark”, “Flume”, “Kafka”, “Hive”, “Pig”, “Impala”, etc), comprender as oportunidades de resolución de problemas con tecnoloxías destinadas ás grandes cantidades de datos, enxergar claramente o valor que poden achegar os datos, coñecer en que consisten os termos “Data Science” e mesmo lanzar un proxecto Big Data propiamente dito (con Microsoft Azure).
O curso estará dotado dunha “metodoloxía moi aplicada”, que mestura a presentación de conceptos con discusión sobre aplicacións, ademais de traballo práctico na solución de Big Data como servizo de Microsoft Azure.
O curso está dirixido tanto a profesionais de áreas de negocio como de tecnoloxía: directivos, responsábeis de tecnoloxía, responsábeis de innovación, desenvolvedores de negocio, profesionais da intelixencia nos negocios, administradores de datos, administradores de sistemas e “calquera profesional interesado en coñecer as oportunidades que presenta a información masiva e as ferramentas que a fan posíbel”.
A actividade formativa constará de tres temas ou eixes temáticos fundamentais, abranguendo dende unha introdución xenérica e básica (Que é e que non é o Big Data?) até o máis avanzado e específico (múltiples ferramentas de traballo, exemplos concretos de oportunidades de negocio, procesado e análise, recursos de intelixencia empresarial, etc).
O horario do curso será o seguinte: venres de 16.00 a 21.00 horas, sábados de 9.00 a 14.00 horas. Celebrarase, como dixemos, no Hotel Attica21 da Coruña, nos números 3 e 4 da rúa Enrique Mariñas. O encargados de impartir a actividade formativa serán Guillermo López Taboada (doutor en Informática, co-fundador da empresa Torus Software Solutions e profesor da Facultade de Informática da Coruña) e Jorge Docampo Carro (enxeñeiro en Informática e Máster en Computación de Altas Prestacións, os dous títulos pola Universidade da Coruña),

PUBLICIDADE