Vitae fornece formación para incrementar a eficacia na selección de profesionais TI

mércores, 14 de setembro do 2016 Redacción

Vitae Consultores segue adiante co seu intenso labor formativo para os profesionais da nosa terra, un labor que aborda polo miúdo as facetas máis avanzadas e de meirande potencial profesional e produtivo da Sociedade do Coñecemento. Os días vindeiros, sen ir máis lonxe, vai organizar o Curso sobre Avaliación e Sección Avanzada de Perfís TI baseadas na Neurociencia (en PDF). A actividade formativa, especialmente encamiñada a directores de proxecto e profesionais de recursos humanos, celébrase o vindeiro 6 de outubro na Coruña.
Trátase da segunda edición dun curso que afronta de cheo un dos meirandes baleiros metodolóxicos aos que se afrontan os profesionais responsábeis da avaliación dunha/un candidata/o ao equipo laboral: a falta de dispoñibilidade de ferramentas psicolóxicas básicas e axeitadas para desenvolver nas mellores condicións posíbeis o devandito traballo.
Segundo informa Vitae, “o primeiro paso para avaliar a un profesional é o autocoñecemento, é dicir, coñecerse a un mesmo para acadar a maior obxectividade á hora de tentar coñecer outras persoas”. Neste curso forneceranse estas ferramentas para o autocoñecemento e para a avaliación doutros traballadores sexa cal sexa o modelo de exame que se empregue.
Para Vitae, está claro que o sector das novas tecnoloxías da información (o sector TI) demanda arestora máis profesionais dos realmente dispoñíbeis no mercado laboral. Isto, engade a firma galega, acaba por “xerarlles tensións ás empresas en canto a cumprir os compromisos en calidade e prazo cos seus clientes e en controlar os custes salariais e a equidade interna dos mesmos”.
Deste xeito, a actividade formativa que prepara Vitae para o 6 de outubro centrarase na eficacia, “máis que na eficiencia”, para seleccionar candidatas e candidatos e avaliar o desempeño das/os profesionais en contornas de escaseza dos mesmos, “aínda que ambas facetas, a eficacia e a eficiencia, son precisas para o éxito nos devanditos procesos”.
Segundo engade Vitae, “neste curso proporcionarase un método e unhas ferramentas coas que xa se conseguiu unha porcentaxe de éxito de máis do 90% na selección de perfís TI, incluíndo perfís técnicos, perfís de xefes de proxectos, perfís de desenvolvemento de negocio e perfís de alta dirección.
A actividade formativa desenvolverase na Coruña, no Hotel Attica 21, o xoves 6 de outubro con horario de 9.30 a 13.30 e de 15.00 a 19.00 horas. O encargado de impartir os contidos e as metodoloxías será Marcos Carbonell García, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos.

PUBLICIDADE