Vitae convídanos cun novo obradoiro a aprender todo o relacionado con React e Redux

venres, 3 de febreiro do 2017 Redacción

Vitae Consultores prosegue estes meses de febreiro e marzo co seu labor incansábel de formar a profesionais do sector TI en Galicia. Segundo vén de informar a academia-consultora tecnolóxica, os días vindeiros teremos unha oportunidade de introducirnos nunhas tecnoloxías cada vez máis estendidas e que sen dúbida servirán de importante apoio para aumentar a produtividade no desenvolvemento de aplicacións. Trátase das tecnoloxías React e Redux, que serán o miolo dun obradoiro previsto para os os días 24, 25 de febreiro e 3, 4 de marzo no Hotel Attica21, na cidade da Coruña. O curso React e Redux: Desenvolvemento frontend moderno (PDF) constará de 20 horas.
Segundo nos lembra Vitae, a tecnoloxía React é unha libraría de Javascript en rápido crecemento, que está desenvolvida e mantida por Facebook e é utilizada, ademais de por Facebook, por redes sociais e servizos tecnolóxicos de primeira liña, como por exemplo Instagram, Netflix, Paypal, Imgur, Feedly, Airbnb, etc. React, engade a consultora, é software aberto e conta a xeito de respaldo e garantía cunha ampla comunidade ás súas costas, incluíndo aos propios equipos de Facebook e Instagram.
Redux, pola súa banda, é un colector de estado que funciona achegando predicións de utilidade e de gran fiabilidade e que nos axuda a xestionar unha aplicación cando esta incrementa a súa complexidade. Redux, en parte, é unha implementación de Flux, que é o padrón de arquitectura de aplicación que empregan Facebook e outras moitas compañías no desenvolvemento de ferramentas React.
Vitae recorda que as persoas que participen no obradoiro non só aprenderán a utilizar estas tecnoloxías, senón tamén outras complementarias ou análogas como o xestor de paquetes de Node (npm) e Webpack. O obxectivo disto: achegar recursos para que os nosos profesionais aumenten a súa produtividade e sexan quen de desenvolver aplicacións modernas con capacidade de adaptación e evolución e, tamén, doadas xestionar, manter e probar.
Este obradoiro insírese na estratexia de Vitae a prol de mellorar a formación e capacitación dos nosos profesionais e empresas no sector das novas tecnoloxías da información, centrándose na mesma medida nos aspectos humanos e organizativos que nos aspectos tecnolóxicos.
O encargado de impartir estes contidos será Félix Horro Pita, enxeñeiro técnico en Informática e profesional con máis de 13 anos de experiencia como programador na empresa Corunet, amais de co-desenvolvedor de grandes proxectos para empresas do talle de Inditex, Abanca ou BricoKing.

PUBLICIDADE