Vitae capacítanos en abril nas funcionalidades de Microsoft Power Automate

mércores, 15 de marzo do 2023 S. P.

Vitae Consultores, a través do formato de aula virtual, vai organizar esta primavera a segunda edición dunha actividade formativa moi indicada para os profesionais que queiran mellorar o seu traballo diario, as empresas que desexen optimizar a súa xestión e os desenvolvedores de programas e ferramentas que busquen avanzar en excelencia, en axilidade e en sinxeleza. Trátase do curso Microsoft Power Automate, 2ª edición, de 18 horas de contidos, que se celebra os días 17, 19, 20, 24, 26 e 27 de abril.
Segundo explican dende Vitae, Power Automate é unha plataforma de código baixo única, que abrangue tanto a Office 365, como o paquete Dynamics 365, como o Azure como aplicacións de tipo independente.
Neste curso en cuestión afondarase nas posibilidades da plataforma de Microsoft, un servizo que permite a automatización integral do noso día a día profesional e serve como un compoñente crucial da Power Platform. Ademais, está deseñada para un emprego sinxelo e cómodo entre usuarios empresariais ou departamentais, e entre a crecente comunidade de desenvolvedores do mundo. Tamén ofrece a funcionalidade necesaria para programadores experimentados.
Power Automate, salienta Viate, está deseñada para admitir e satisfacer as necesidades dos equipos e administradores de TI modernos, automatizando funcións de Tecnoloxías da Información cotiás até proporcionar seguridade, cumprimento e control sobre o uso e sobre a execución de Power Automate en todo o ecosistema de TI.
“Power Automate pódese empregar para a realización de tarefas sinxelas, como a entrega programada de correos electrónicos, ou para integrarse sen problemas con aplicacións empresariais, e tamén para mellorar e automatizar procesos que son complexos para os administradores de TI”.
Os obxectivos do curso pasan polo seguinte: “Aprender as capacidades de automatización de tarefas que ofrece Power Automate (antigo Flow) dentro dos ecosistemas de Microsoft, dende os conceptos básicos até aspectos máis avanzados”.
O formador encargado de impartir estes contidos será David Bodero, consultor en tecnoloxía e desenvolvedor informático, con sete anos en postos de responsabilidade como xestor empresarial. Ten experiencia internacional de tres anos e de cinco na supervisión e dirección de equipos multiculturais de até 30 persoas. É un adestrador experimentado en contornas presenciais e telepresenciais, conta con máis de 1.500 horas impartidas, sobre todo en cursos relacionados con ferramentas de produtividade (Microsoft Office), sistemas e programación. Entre as empresas que formou ou asesorou atópanse ASIME, La Voz de Galicia, PSA Citroen, Plexus, Softek, Vector ou CLUN.

PUBLICIDADE