Vitae amosa na Coruña e en Vigo os factores que motivan aos profesionais TI en Galicia

martes, 18 de abril do 2017 Redacción

Vitae Consultores quere compartir cos nosos profesionais do ámbito das novas tecnoloxías a súa experiencia en materia de recursos de optimización laboral: recursos para optimizar o seu labor diario e facelo, ademais, cun extra de ilusión e autosuperación. Este compromiso de Vitae vaise materializar en dúas conferencias, unha na Coruña e outra en Vigo, sobre os Factores Motivadores dos Profesionais no Sector TI en Galicia. A participación de Vitae nestas dúas dúas actividades, nas que a consultora galega concorrerá por convite de AFundación (ABANCA) e AEDIPE Galicia, correrá a cargo de Marcos Carbonell, socio director de Vitae. A cita dupla será o 25 de abril ás 9.30 horas na Coruña (sede AFundación do Cantón Grande) e o 18 de maio á mesma hora en Vigo (nas instalacións do Club Financeiro). Entre outras cuestións, as conferencias servirán para afondar nos factores de cambio e retención que alentan aos profesionais TIC na nosa terra e que poñen en práctica as empresas do sector.
Segundo informa Vitae, o sector TIC en Galicia atesoura unhas demandas específicas, sobre todo no que se refire á necesidade de certos tipos de profesionais, principalmente para os ámbitos de operacións, programación, analítica, sistemas, intelixencia nos negocios (Business Intelligence), información masiva (Big Data) e, sobre todo, para o ámbito de DBA. Tendo en conta estas demandas e este dinamismo, na conferencia falarase de recursos a pór en xogo para localizar, captar e manter na nosa terra (no noso eido TI) a este tipo de profesionais. Segundo engade Vitae, para levar a cabo este labor de captación e retención de traballadores cualificados débense ter en conta unha serie de pasos ou fases dos cales falarase, precisamente, nestas conferencias.
Como dixemos, as sesións serán impartidas polo socio director de Vitae Consultores, Marcos Carbonell, que conta con máis de 35 anos de experiencia profesional profesionais, dos cales máis de 20 tiveron como escenario o sector TI.

PUBLICIDADE