Vitae adéstranos en ciencia de datos cun novo obradoiro sobre ferramentas estatísticas avanzadas

xoves, 30 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

Á volta do verán imos ter unha nova oportunidade de adestrarnos plenamente na ciencia de datos. Ou sexa, nas metodoloxías e recursos que nos axudan a xestionar, manexar e sacar o máximo rendemento da información, que é, por se alguén aínda non o sabe, o alicerce de todo proxecto ou iniciativa innovadora que queiramos alentar. Estamos a falar do Curso Ciencia de Datos con Excel, Power Bi e R, un obradoiro organizado por Vitae Consultores que vai pola súa cuarta edición e que se celebra, desta volta, no Hotel Attica 21 da Coruña (os días 21, 22, 28 e 29 de setembro).
A actividade formativa, de 20 horas de formación, servirá de apoio aos nosos profesionais para mellorar o seu quefacer diario cos datos, o seu labor de análise e investigación e, tamén, a práctica de tomar decisións e extraer conclusións de valor.
Máis polo miúdo, o obradoiro preséntase como un xeito de prepararnos ante o que está por vir: un estado de cousas no que nada medrará tanto e en tan pouco tempo como o coñecemento e os acubillos que a recollen e a transportan. Así, o curso subministrará aos asistentes formación en conceptos e recursos como os usos e vantaxes dos histogramas, os gráficos de Pareto, os boxplots ou o Teorema de Bayes (que, na teoría da relatividade, emprégase decote para revisar probabilidades previamente calculadas cando se posúe nova información).
Segundo Vitae, ao finalizar a actividade formativa de estatística aplicada os asistentes contarán con novos e cruciais coñecementos e habilidades no eido da ciencia dos datos. Cales son as principais vantaxes disto? Pois, en palabras da consultora, os profesionais estarán en disposición de tomar as mellores decisións, por estar máis e mellor informados, e contarán cunha “sólida experiencia en estatística e probabilidade básica, o que axudará a unha mellor comprensión dos datos”.
Os obxectivos concretos do curso son: achegar formación avanzada en estatística (estatística descritiva, probabilidade básica, variábeis aleatorias, probas e intervalos de confianza, probas de hipóteses), visualización de datos con Excel e Power BI, coñecemento da ferramenta libre R para a análise de datos e visualización.
O profesional que impartirá o obradoiro será novamente Antonio Soto Rodríguez, enxeñeiro en Informática de Sistemas pola Universidade da Coruña e profesional con máis de dúas décadas de experiencia como consultor técnico experto e certificado, achegando formación na Universidade Microsoft e a empresas e organismos como a NASA, NASDAQ, PEMEX, SERGAS, Citroen, CEAGA, Inditex, Ferroplast, Banco Popular, ABANCA, Xunta de Galicia ou Abertis.

PUBLICIDADE