Vitae achéganos en directo a nova edición do seu curso sobre probas de software

martes, 5 de maio do 2020 S. P.

A consultora galega Vitae, centrada en achegar formación avanzada para os profesionais dos nosos sectores máis innovadores, segue adiante coa súa actividade achegando clases en directo, combinando as sesións en aberto coas que se desenvolven baixo o formato In Company para os clientes do sector TI. A terceira edición do Curso JS Testing: Introdución ás probas de software celebrarase en directo os días 25, 26, 27 e 28 de maio.
Será un obradoiro práctico de oito horas para probar aplicacións web e JavaScript. O obxectivo é facilitar (quitando ferro, axilizando procesos, achegando un extra de eficiencia e eficacia) unha das contornas de traballo máis problemáticas do ámbito da programación: as probas de software.
Segundo informa Vitae sobre as razóns de ser do dito curso, “a detección temperá de erros, a validación das funcionalidades e a mellora no deseño do código son tres procesos que contribúen a aforrar recursos e diñeiro nunha empresa”. Na presente sesión, Vitae adestrará aos participantes nos procesos de aprendizaxe e adopción destes procesos, axudando aos alumnos a coñecer os fundamentos das técnicas máis comúns para que poidan incluílos e aplicalos decontado e así mellorar a calidade dos seus programas.
Os obxectivos son coñecer a terminoloxía e a filosofía dos distintos tipos de probas, comprobar as funcionalidades con probas end to end de aplicacións web, crear novo código baixo o paradigma Test Driven Development e afondar nas principais ferramentas de testing e as funcionalidades e finalidades de cada unha (Puppeteer, Cypress e Jest).
O formador será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae Consultores.

PUBLICIDADE