Vitae achéganos as claves dunha axeitada selección de perfís TIC

xoves, 9 de xuño do 2016 Redacción

Vitae Consultores vai desenvolver os días vindeiros unha actividade formativa sobre como facernos cos profesionais das novas tecnoloxías máis acaidos para os nosos obxectivos e para a actividade de mercado das nosas empresas. O Curso Selección e Avaliación Avanzada de Perfís TIC baseadas na Neurociencia (formato PDF) está dirixido a directores de proxectos e profesionais de recursos humanos. Ten unha duración de 8 horas e celébrase nunha única xornada, a do venres 15 de xullo. Segundo informa Vitae acerca da finalidade deste obradoiro, “o sector tecnolóxico-dixital demanda arestora máis profesionais dos dispoñíbeis no mercado laboral e isto xéralles tensións ás empresas en canto a cumpriren os compromisos profesionais en calidade de prazo cos seus clientes e en controlar os custes salariais e a equidade interna dos mesmos”. O devandito curso céntrase en axudarnos a superar as ditas tensións.
Máis polo miúdo, envórcase na eficacia (“en que facer, máis que na eficiencia”) para seleccionar candidatos e avaliar o desempeño dos nosos profesionais en contornas de escaseza de profesionais, “aínda que ámbalas facetas, a eficacia e a eficiencia”, sinala Vitae, “son precisas para o éxito nos procesos de selección e avaliación”.
En definitiva, o obradoiro fornecerá un “método e unhas ferramentas coas que se teñen acadado porcentaxes de éxito de máis do 90% en selección de perfís TI, incluíndo perfís técnicos, perfís de xefes de proxectos, perfís de desenvolvemento de negocio e perfís de alta dirección”, explican dende Vitae, engadindo que o reto para os ditos procesos de escolma e análise é “ter un criterio para saber en que aspectos ceder e en cales non ceder na contratación dunha ou dun candidata/o ou na promoción dun dos nosos profesionais”.
O curso vai dirixido a directores e xefes de proxectos, xerentes ou profesionais de recursos humanos ou ben a calquera profesional que desexe adquirir as habilidades e os coñecementos para a selección e avaliación tanto de perfís tecnolóxico-dixitais como de calquera outro sector.
A actividade formativa celébrase o vindeiro 15 de xullo en horario de 9.30 a 13.30, e de 15.00 a 19.00 horas. A sede do obradoiro será o Hotel Attica 21 da Coruña.
O curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos.

PUBLICIDADE