Vitae achega en xullo a 39 edición do seu histórico curso sobre dirección de proxectos áxiles con Scrum
martes, 15 de xuño do 2021
As
tecnoloxías son unha corrente continua de coñecemento, un fluxo
incesante de novidades e actualizacións que cambian cada pouco o
panorama de ferramentas de traballo e nos obrigan un pouco a ir por
diante das transformacións, se o que queremos é achegar a máxima
calidade nos nosos traballos e ter aos clientes cen por cen
satisfeitos. Un curso especialmente acaído para situarnos na
vangarda destas transformacións é o
Curso sobre Dirección e Xestión de Proxectos TIC Áxiles con Scrum,
que chega á súa 39 edición este verán, da man da formadora
Josefina Alonso e da consultora Vitae.
Unha
vez máis, será unha boa oportunidade para formarnos nos recursos
que garanten a máxima calidade nos nosos proxectos tecnolóxicos e,
tamén, nas metodoloxías que nos permiten coñecer polo miúdo as
necesidades e requirimentos dos destinatarios deses proxectos.
O
curso, que achega a opción de Certificación Scrum Manager Nivel
Experto, celébrase online, na aula virtual de Vitae, os
días 5, 6, 7, 8, 12, 13, 14 e 15 de xullo.
Segundo recalcan
dende Vitae Consultores, estamos ante unha actividade formativa de 16
horas que nos pon ao día nas metodoloxías coas que aplicar modelos
de tráballo áxiles, uns modelos que engaden eficacia e
rendibilidade e que, a maiores, permiten que establezamos a meirande
proximidade cos clientes do proxecto no que estamos a traballar,
sabendo o que precisan en todo intre, mesmo anticipándonos ás súas
demandas e acadando a mellor comunicación posíbel.
Segundo
Vitae, a orixe do obradoiro está, tamén, nas vantaxes de
anticiparnos ás nosas propias demandas. Ou sexa, de preparar o
camiño a percorrer para saber cara a onde dirixirnos en canto se dea
unha disxuntiva. Desta maneira nolo explica Vitae: “Tendo en conta
o moito que evoluciona o mercado e a necesidade das empresas de
adoptar medidas para satisfacer de maneira eficaz e rápida as
demandas do cliente, propoñemos este curso sobre o uso de Scrum en
proxectos e desenvolvemento de software”. Esta metodoloxía,
engaden dende Vitae, permitirá a implicación e auto-organización
de todo o equipo profesional dunha corporación para fixar un punto
de partida e definir o proceso de desenvolvemento que se executará
durante o proxecto.
Nun plano máis detallado acerca do programa
do curso, neste abordaranse as diferenzas entre as devanditas
metodoloxías áxiles e as súas vantaxes e inconvenientes con
respecto a metodoloxías pesadas como CMMI, PMI e ISO, “dando unha
perspectiva global aos asistentes para que adquiran os coñecementos
precisos para seleccionar a metodoloxía de dirección segundo as
necesidades de cada proxecto”.
A encargada de impartir estes
contidos será novamente Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira superior
en Informática e na actualidade coordinadora de Proxectos e
responsábel de Seguridade da Calidade do Desenvolvemento de Software
na dirección de Electrónica HMI do Centro Tecnolóxico de
Automoción de Galicia, o CTAG. Josefina Alonso, ademais, posúe unha
ampla experiencia nos eidos do desenvolvemento de software e do
asesoramento empresarial e a centros de I+D (traballou para a Axencia
Europea do Espazo, o CTAG, o CITIC, Tecnocom, SIVSA, Seresco,
Coremain ou Balidea, entre outras moitas entidades).