Vitae Consultores axúdanos a acadar a máxima claridade nos nosos programas

martes, 14 de novembro do 2017 Fernando Sarasketa

Programar non é só desenvolver ferramentas informáticas, é apostar pola pola clareza e polo sinxelo á hora de escoller os elementos que conforman o miolo desas ferramentas. En certa maneira, é unha tarefa moi semellante á que pode levar a cabo un educador ou un xornalista: unha loita constante para arredar do camiño aquilo que se poida interpretar de diferentes maneiras. Afianzarnos nas técnicas máis avanzadas que nos axuden a apartar o ambiguo da noso labor de programación é un dos grandes obxectivos do curso Clean Code: crear e refacer aplicacións limpas (PDF), que organiza Vitae na Coruña no mes de decembro, os días 11 e 12 no Hotel Attica 21.
Con este obradoiro, a consultora quere tamén facernos lembrar a seguinte mensaxe: “Escribir programas para ser lidos, entendidos e mellorados é unha arte difícil e unha obriga ineludíbel”. Asemade, representa unha ciencia que se pode aprender e practicar. Polo tanto, é só que sexa importante que un programador pense nos seus lectores, explican dende Vitae, “é que é fundamental, sobre todo porque en moitas ocasións imos ser nós mesmos eses lectores”.
O curso, polo tanto, familiarizaranos coas técnicas de código limpo e no rendemento que lles podes tirar á hora de escribir programas sinxelos de entender, que achegan valor e que teñen capacidade de evolucionar.
Os obxectivos desta actividade formativa son os seguintes: desenvolver aplicacións doadas de manter, reducir a cantidade de erros e facilitar a súa detección e distinguir as boas e as malas prácticas de programación.
O curso está dirixido principalmente a programadores con experiencia nalgunha linguaxe. Terá unha duración de dez horas e desenvolverase baixo un enfoque eminentemente práctico.
O formador será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae Consultores. Entre as empresas e organismos que ten asesorado ou formado atópanse Tecnocom, ABANCA, Softek, GADISA, Inditex, Optare, Altia, Gradiant ou SIVSA.

PUBLICIDADE