Vitae: «A resposta dos profesionais e das empresas que se beneficiaron dos nosos cursos nesta crise foi excelente»

xoves, 20 de agosto do 2020 Fernando Sarasketa

A consultora galega Vitae afianzou esta tempada a súa posición de referente en formación e especialización tecnolóxica, e fíxoo grazas á súa experiencia previa e aos esforzos por adaptarse ao novo contexto de crise sanitaria, que tiveron unha base sólida para levarase a cabo (unha base tecnolóxica e innovadora). Froito desta actividade de resistencia, Vitae Consultores afianzou a súa área de formación online en directo, a Aula Virtual de Vitae, que, como dixemos os días pasados dende Código Cero, foi quen de formar máis de 300 profesionais dende marzo deste ano 2020, ao mesmo que seguiu desenvolvendo sesións presenciais, en menor número e baixo as máis rigorosas medidas de seguridade. Falamos con Marcos Carbonell, responsábel de Proxectos de Vitae, para que nos conte como foi o proceso de adaptación ao novo contexto.

-Como se desenvolveu finalmente a adaptación de Vitae e do seu intenso programa formativo á nova situación de teledocencia marcada pola COVID e a necesidade de garantir a seguridade dos participantes nos vosos cursos?
-En Vitae levamos xa algún tempo probando plataformas online para impartir cursos e estabamos agardando a 2021 para comenzar con cursos a distancia ou en liña pero a situación da COVID acelerou este proceso e en menos de 48 horas adaptamos todas as nosas actividades formativas, tanto en aberto como In Company, de formato presencial a formato online.

-Sabemos que en marzo foi cando comezou a vosa liña de formación online, pero dádenos detalles das dúas modalidades que puxestes en xogo.
-Nós en formación temos dúas liñas de negocio, unha é a liña In Company para empresas, e outra é a liña en aberto para calquera profesional que desexe asistir e inscribirse libremente nos cursos. Estes e os formadores son os mesmos en ambas modalidades agás que na vertente In Company adáptanse os temarios ás necesidades de cada empresa en concreto, é dicir, personalízanse até onde se poida en relación ás necesidades de cada cliente.

-Cando exactamente se converteu esta vertente de traballo en liña de servizo estábel?
-En maio de 2020, cando vimos que esta situación ía para longo e enchíamos todos os cursos en aberto e algúns clientes nos contrataron actividades In Company a distancia, e repetían, foi cando xa vimos que esta liña de formación online estábase a converter en estable, polo que decidimos seguir con ela compaxinándoa coas sesións presenciais que continuamos impartindo, en este momento moi poucas e desenvolvéndose baixo estritas medidas de seguridade, con máscaras para todos os asistentes, distancia de seguridade e, a poder ser, en aulas continuamente ventiladas.

-Como foi a resposta dos profesionais e das empresas que se beneficiaron das vosas contribucións formativas ao longo deste tempo de crise sanitaria?
-A resposta foi excelente. A chegar a xuño chegamos ao fito de ter impartido formación online a máis de 300 profesionais. Entre os meses de marzo e xuño puidemos encher todos os cursos en aberto e algúns clientes In Company repetiron varios cursos en liña. Por outra banda, temos moitos clientes que son grandes multinacionais e xa culturalmente teñen moita experiencia en actividades formativas online e para eles estas sesións a distancia son habituais dende hai moitos anos, en algúns casos mesmo dende hai máis de 15 anos.

-Que vantaxes ten a teledocencia para os ámbitos nos que vós traballades? Que problemas pon en xogo?
-Como en todo, hai vantaxes e inconvenientes. As vantaxes baséanse en que podes chegar a un mercado moito máis amplo que só o galego, é dicir, pódese inscribir calquera profesional de calquera recanto do mundo. Para as empresas podemos organizar e impartir actividades personalizadas para os seus profesionais, aínda que estean en localizacións diferentes ao mesmo tempo. Outra vantaxe é que se abaratan custes, aínda que, como todo, isto pode variar co tempo.
Os inconvenientes son que a competencia é agora é a nivel mundial, é dicir, os profesionais poden elixir realizar cursos doutros países ou comunidades de España o que a longo prazo é unha ameaza para os nosos profesionais como se esta vendo coa globalización, por exemplo con Amazon e outras compañías grandes. Deste xeito, o diñeiro e os investimentos pódense ir fóra se os nosos profesionais en Galicia non invisten en formación en empresas de aquí.

-Considerades que este das aulas virtuais é o futuro da formación avanzada para empresas e profesionais ou imporase unha fórmula mixta?
-A nosa opinión é que se imporá unha fórmula mixta, as clases presenciais aportan unha serie de características aínda de máis calidade cá metodoloxía online, e máis para cursos avanzados, pero iso non significa que estas actividades formativas non se poidan impartir telematicamente, dende logo que se tamén se poden impartir con calidade, pero os cursos presenciais seguirán sendo moi necesarios.

PUBLICIDADE