Virtualware reconstrúe virtualmente a cova de Santimamiñe e amosa o proceso na Rede

martes, 1 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

Mesturar as máis modernas tecnoloxías co contorno que ofrece unha cova (antigamente, un fogar) semella unha tentativa de unir a historia da humanidade polos seus extremos. Combinación definitivamente difícil que corre risco de ficar en resta en troques de suma das partes. Con todo, isto de cinguir o máis novo co máis vello é o que vén de alentar ao Departamento de Cultura da Deputación Foral de Bizkaia á hora de poñer en valor o Conxunto Arqueolóxico de Santimamiñe, unha cova situada na Reserva da Biosfera de Urdaibai e onde se teñen atopado importantísimos restos arqueolóxicos da prehistoria. O enclave, até o de agora pechado (por mor dos efectos negativos para as pinturas e as formacións rochosas que alberga das preto de un millón de persoas que a teñen visitado), segue a espertar interese e, de feito, semella a piques de recibir a cualificación de “Patrimonio da Humanidade” por parte da UNESCO.
Pois ben, co fin de seguir traballando por respectar os seus valores pero sen renunciar a amosalos, a Deputación de Bizkaia vén de reabrila ao público e de acompañar a apertura cun proxecto tecnolóxico de recreación virtual que xa podemos ver, en todo o seu proceso, en cuevasvirtuales.es.
Esta iniciativa en concreto, que correu a cargo da firma Virtualware, consiste nunha visita virtual en tempo real no centro de interpretación da ermida de San Mamés.
Segundo informan os responsables dos traballos, a proposta inclúe unha “completa instalación de dispositivos visuais e sonoros nunha enorme pantalla estreoscópica de 3,5 metros de anchura e 2,5 de altura”. En base a isto, o visitante poderá ver e percorrer a cova recreada como unha reprodución idéntica á orixinal, dirixido por un guía que o levará polas distintas salas interactivas, un total de 10 conectadas entre si, que reconstrúen os 450 metros de cova real. Detrás deste traballo hai un importante proceso de dixitalización e de escaneado do enclave de Santimamiñe, informa a empresa responsable, co fin de obter unha “precisión absoluta” no resultado e cun mínimo marxe de error de cinco centímetros. A cova virtual foi posible grazas a 6.000 horas de traballo e exhaustivos traballos de dixitalización e modelado repartidos ao longo de sete meses.

PUBLICIDADE