Vinte colexios participan xa na Rede de Centros TIC de Galiza

mércores, 9 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

A Consellería de Educación está a apoiar cunha serie de axudas a iniciativas encamiñadas a renovar o panorama formativo galego, en boa medida sustentadas no emprego útil e razoable das novas tecnoloxías da información. Para este curso en activo (o curso 2007-2008), o departamento que dirixe Laura Sánchez Piñón achegou equipamento e apoio a 10 proxectos innovadores, cifra á que cómpre engadir os outros 10 beneficiarios da convocatoria anterior. Podemos ver os proxectos vinculados ós seus centros educativos nun mapa en liña habilitado no sitio web de Educación.
O caso é que a participación neste programa de axudas (materiais e de asesoramento) posibilitoulles ós 20 colexios con cadanseu proxecto configurar a Rede de Centros TIC. Este tecido, que medra cada ano, xira arredor da innovación no eido formativo e serve como referente na Web para profesores, investigadores e alumnos que estean á procura de novas feituras para o proceso de aprendizaxe.
As axudas a estas 20 experiencias consistiron no fornecemento dun paquete multimedia integrado por un encerado dixital interactivo, un proxector e seis ordenadores portátiles, amais dun importe de 2.000 euros e asesoramento continuo para mellorar e potenciar o aproveitamento dos recursos informáticos e facilitar a súa incorporación á docencia.
Todos estes centros teñen acceso ao devandito espazo web propio de seu, o que lles permite facilitar a creación e organización de materiais e recursos educativos por medio das novas tecnoloxías. Ademais de todo isto, a Administración educativa está a divulgar as experiencias dos colexios seleccionados a través da Rede, publicando logo os materiais producidos vía o portal galego de contidos educativos.
A Rede de Centros TIC está neste intre integrada polos seguintes membros cos seus respectivos proxectos:
Curso 2007-2008
Educación Primaria
· CEIP de Palmeira (Ribeira).
· CEIP de Coirón-Dena (Meaño).
· CEIP de San Roque de Darbo (Cangas).
Educación Secundaria
· IES María Casares (Oleiros).
· IES Xulián Magariños (Negreira).
· IES Pino Manso (O Porriño).
· IES Portovello (Ourense).
· IES A Pinguela (Monforte).
· IES de Becerreá (Becerreá).
· IES Concepción Arenal (Ferrol).

Curso 2006-2007
Educación Primaria
· CEIP de Arzúa.
· CEIP de Redondela.
Educación Secundaria
· CPI de San Sadurniño.
· IES Ricardo Carballo Calero (Ferrol).
· IES Agra de Orzán (A Coruña).
· IES Lamas de Castelo (Carnota).
· IES Aquis Celenis (Caldas de Reis).
· IES de Celanova.
· IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo).
· IES Pazo da Mercé (As Neves).

Métodos de participación
As solicitudes para recibir as axudas da Consellería de Educación e pasar a formar parte da Rede de Centros TIC valóranse atendendo a criterios coma o carácter innovador e pedagóxico do proxecto e a súa integración no proxecto curricular do centro; a coherencia do proxecto coa proposta de organización e dotación de espazos e de aulas no proxecto educativo do centro; e o acceso en igualdade de condicións e o fomento de valores democráticos. Outro dos aspectos avaliados é a viabilidade do proxecto, tendo en conta o compromiso do profesorado coa formación no uso das TIC; a garantía de continuidade do proxecto; ou a experiencia previa na participación e desenvolvemento de proxectos de innovación ou formación e a experiencia en TICs do centro e os participantes.
Estas convocatorias recollen a política da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria na promoción do acceso ás novas tecnoloxías e no apoio ao desenvolvemento docente, segundo sinala o propio departamento da Xunta. E todo iso, engade, “tendo en conta que a competencia dixital é clave para a aprendizaxe ao longo da vida, e que o uso das TICs con fins educativos abre novas dimensións e posibilidades nos procesos de ensino e aprendizaxe”.

PUBLICIDADE