Vindeira presenta os froitos dun proxecto para mellorar a comunicación no mar mediante WiMAX

mércores, 7 de outubro do 2009 Fernando Sarasketa

A ETSE de Telecomunicación da Universidade de Vigo acolleu esta semana a presentación dos resultados dun proxecto tecnolóxico encamiñado a mellorar a comunicación nun sector produtivo que aos galegos nos toca de preto: o sector do mar. Máis polo miúdo, trátase dunha iniciativa, o proxecto SeaMAX, baseada en WiMAX (redes sen fíos) e na que participan diferentes frontes de actividade integradas na Plantaforma Vindeira das tecnoloxías da información: a Universidade de Vigo a través do Grupo de Tecnoloxía da Información, o Grupo GTEC da Universidade da Coruña e empresas como Quobis, Wireless Galicia, o Instituto Tecnolóxico de Galicia. Segundo fixeron saber as entidades responsables acerca de esta iniciativa que xurdiu en 2007, a súa finalidade é acadar o coñecemento sobre as vantaxes das TIC móbiles de banda larga para a súa aplicación con garantía de servizo.
Con esta fin de pór en marcha unha tecnoloxía útil para un dos sectores produtivos que precisamente polo afastamento dos seus efectivos máis melloras de comunicación está a demandar, abordouse un proxecto que pon de relevo a imposibilidade das tecnoloxías máis tradicionais á hora de achegar banda larga fiable.
Pola contra, esta iniciativa galega propón o deseño de servizos de comunicación arredor do acceso radio WiMAX 802.16, o que a xuízo dos responsables de SeaMax constitúe unha alternativa para superar todos os atrancos e deficiencias das solucións tradicionais. En primeiro lugar, apuntan, achega distancia de conexión.
En segundo e terceiro lugar, encriptación e alcance. Estas e outras máis son as características básicas da iniciativa presentada esta semana, como por exemplo que é quen de mellorar os actuais sistemas de telecontrol, telemedida e telemando, ao que hai que engadir o seu potencial como dinamizadora do sector das telecomunicacións no eido profesional, establecendo tamén novas oportunidades de negocio para operadores sen fíos especializados en cobertura de áreas costeiras e de plataforma continental.

PUBLICIDADE