Vimianzo aposta polo aforro TIC e a eAdministración

martes, 24 de xullo do 2018 Redacción

Vimianzo atópase entre os concellos galegos máis referenciais en materia de dixitalización de servizos e comunicacións. Así o vén de certificar o operador R, que comezou a súa andaina co Consistorio en 2014, a xeito de provedor dunha ampla gama de solucións: telefonía fixa e móbil, Internet de alta capacidade e xestión de datos. Entre os logros máis importantes da alianza entre a dita empresa e o Goberno local atópase sen dúbida a cuestión do aforro. En concreto, reducíronse os gastos nun 50% en materia de comunicacións.
De xeito complementario, o Concello foi quen de ampliar as potencialidades do teletraballo e facelo factíbel para o persoal da administración local. A base do devandito é a intranet propia que permite interrelacionar os departamentos do Concello e as diferentes sedes, poñéndose en xogo a posibilidade real de ter acceso seguro e eficaz a toda a documentación que se emprega cada día.
Outra das apostas do Goberno local, amais do aforro, o teletraballo e a dixitalización, é a automatización de procesos entre departamentos e, tamén, de cara á veciñanza. Dito doutro xeito: o Concello apostou nos últimos anos por trasladar ao plano dixital e telemático os trámites habituais. Esta estratexia, que se remonta a 2016, converteu Vimianzo nun dos concellos que foron quen de adiantarse á Lei de Administración Electrónica. O resultado é que calquera residente poida ter acceso ao Concello as 24 horas do día e poder presentar documentación ou iniciar trámites dende calquera recuncho do mundo.

PUBLICIDADE