Vimeo On Demand lánzase a competir coas grandes distribuidoras de estreas de cinema

luns, 1 de xullo do 2013 Fernando Sarasketa

Este que vivimos é probabelmente o tempo no que se decida cal vai ser o xeito de achegarnos ao cinema no futuro. Se hai pouco vimos curiosos e innovadores xeitos de chegar aos espectadores dende o sector estatal (con obras como O Cosmonauta, xerándose e distribuíndose na Rede, ou como a estimábel Os ilusos, lanzada de xeito cen por cen a contrapelo das grandes cadeas), hoxe atopamos novos aires dende a industria estadounidense, unha parte da cal semella estar xa cansa do xeito que teñen de operar as firmas responsábeis do que se pon ou se deixa de pór nas salas de pantalla grande. Falamos da produtora Leend Media, responsábel do novo filme de Neil LaBute, Some Girl(s), que ante a imposibilidade de chegar a acordos coas devanditas compañías, distribúe o filme de xeito mundial e simultáneo, exclusivamente en Vimeo On Demand.
A película, protagonizada por Kristen Bell, Adam Brody, Jennifer Morrison, Mia Maestro e Emily Watson, fixo o seu debut mundial simultáneo no dito servizo en liña e máis nalgunhas salas de cinema en Nova York e Os Ánxeles.
Segundo informa Vimeo, o camiño do filme até os espectadores a través do seu servizo de cinema á carta é “un fito moi visíbel no crecente movemento de distribución directa ao consumidor, agora que tanto Hollywood como os creadores independentes buscan levar as películas ao mercado con maior rapidez e flexibilidade”. A película, engádese, “tamén representa un punto de referencia importante para Vimeo, só tres meses despois do lanzamento de Vimeo on Demand en marzo de 2013, o servizo xa ofrece máis de 1400 películas, e a rede máis ampla de Vimeo xa chega a unha audiencia global de máis de 100 millóns de usuarios únicos ao mes”.
Para Vimeo, a decisión de Leeden Media de lanzar a película directamente aos seareiros a través da nova canle de seu é un gran exemplo de como a Web permite a creadores de todos os niveis chegar a audiencias en todo o mundo e manter o control sobre como se vende o seu contido. Segundo sinala a produtora, o que Vimeo está a lograr coa película de LaBute sería impensábel de ter optado pola distribución tradicional do filme. Baseado na súa obra de teatro do mesmo nome, o guión de Neil LaBute segue a un exitoso escritor (Adam Brody), quen, na véspera da súa voda, viaxa por todo o país para reunirse cos seus ex amantes nun intento de redimirse polas transgresións pasadas nas relacións. O filme está dispoñíbel en Vimeo a un custo de 5 dólares para stream (alugar) e de 10 dólares para descargar (mercar) con escenas adicionais de detrás das cámaras.

PUBLICIDADE