Vilapoupre de Antas de Ulla concorre no certame #enREDatupueblo de Hispasat
luns, 10 de abril do 2017
Xa
hai presenza galega no
concurso #enREDatupueblo, organizado polo operador español de
satélites de telecomunicacións, Hispasat, e dirixido a municipios
ou entidades singulares de poboación do ámbito estatal sen ningún
acceso a Internet ou con accesos de moi mala calidade. Segundo
informa a compañía, a parroquia de Vilapoupre, no concello lucense
de Antas de Ulla, é a primeira poboación galega que concursa nesta
iniciativa de Hispasat para “botar unha man a aquelas comunidades
que queiran saír definitivamente do seu illamento dixital”. A
candidatura da parroquia de Vilapoupre implicará a participación
directa dos seus veciños no concurso. Segundo lembra a compañía de
telecomunicacións, no territorio estatal aínda fican 2.682 núcleos
de poboación que non dispoñen de acceso a Internet a un mínimo de
10 Mpbs, e case 600.000 fogares que non poden navegar nin a 2 Mbps.
Hispasat
tamén recorda que a devandita localidade galega pertence a un dos
centos de municipios galegos que se atopan nas chamadas zonas brancas
NGA, que non dispoñen de cobertura de redes de banda larga de nova
xeración, “nin previsións para a súa dotación por algún
operador no prazo de 3 anos”. Esta situación levou a unha serie de
veciños de Vilapoupre a xuntar forzas e concorrer no concurso, un
certame que ten, en palabras de Hispasat, tres obxectivos concretos:
colaborar na redución da fenda dixital en España, concienciar á
sociedade das vantaxes que ofrece o satélite como tecnoloxía de
acceso á banda larga e situar a Axenda Dixital no debate político.
A través desta iniciativa, o operador premiará ao concello que
careza de acceso a Internet, ou o teña de moi mala calidade, co
servizo de conexión gratuíta a Internet de 30 Mbps vía satélite
durante un ano.
A
empresa está estes días a facer un chamamento aos residentes en
zonas de baleiro dixital (persoas físicas, asociacións, grupos,
concellos ou administracións en xeral) a tomaren parte activa no
concurso e visualizaren o seu problema e de centos de municipios do
ámbito estatal. “No caso de Vilapoupre”, explica a empresa de
telecomunicacións, “os veciños puxeron de manifesto a
desigualdade de oportunidades que sofren debido á falta de acceso a
Internet e o freo ao desenvolvemento económico e social que iso
supón, unha situación que contribúe a provocar a emigración da
poboación máis nova das zonas rurais das provincias galegas”.
#enREDatupueblo
O
concurso está dirixido a municipios ou Entidades Singulares de
Poboación (ESP) españolas sen ningún acceso a Internet ou con
acceso de mala calidade. Calquera cidadán, asociación ou entidade
da localidade poderá presentar a candidatura da súa parroquia
sempre que veña avalada polo seu concello. Segundo lembra Hispasat,
“valorarase positivamente que as candidaturas estean apoiadas polo
maior número posíbel de veciños e organizacións locais”.
Para
concursar, os participantes deberán “expresar de forma creativa”
os beneficios que suporía a chegada de Internet aos seus pobos. Para
iso, poden enviar pezas de calquera índole e feitura, en versión
analóxica ou dixital (fotografías, vídeos, cancións, colaxes,
narracións orais ou escritas, etc.), que recollan exemplos diversos
de melloras que esta conectividade podería orixinar en distintos
aspectos da vida do municipio: saúde, educación, cultura, negocios,
comunicación ou vida persoal, entre outros. A localidade gañadora
do concurso gozará de conexión por satélite durante un ano de
forma gratuíta para os seus habitantes, fogares e negocios, ademais
da instalación e a posta a punto da mesma. Os traballos poderán
presentarse ata o 30 de abril. Un comité de selección elixirá o
tres finalistas, que se darán a coñecer o 17 de maio, coincidindo
co Día Internacional de Internet. A partires desa data e até o 27
de maio, os usuarios das redes sociais e os visitantes da web do
proxecto Conéctate
poderán votar ao pobo gañador. O fallo definitivo farase público o
29 de maio.