Vilanova acolleu a presentación de novos cruceiros e tecnoloxías turístico-marítimas

luns, 4 de abril do 2016

A Estación Marítima Julio Camba de Vilanova de Arousa acolleu o pasado venres a presentación da iniciativa Cruceiros Costeiros de Galicia, que comezarán a súa actividade a partir do vindeiro día 15 cunha viaxe inaugural dende o porto de Vigo. O acto comezou cunha breve demostración dunha das aplicacións que se poderán usar nestes cruceiros e nos portos nos que fagan escala. A aplicación foi debullada pola Asociación Galega de Actividades Náuticas e Portos, impulsoras destes cruceiros. Trátase dun noso sistema de “reserva desatendida” achegado pola firma Human Soft, co que os pasaxeiros poderán acceder os portos e outros edificios mediante os seus smartphones (dispositivos intelixentes ou smartwatchs (pulseiras e reloxos intelixentes). A través da aplicación, sinalouse, “os visitantes non padecerán as restricións de horario que teñen algúns portos con escaso persoal, podendo acceder a calquera hora do día as súas embarcacións”.
Participaron no acto de Vilanova o presidente de Portos de Galicia (organismo público que participa na iniciativa como socio) José Juan Durán; en representación da Axencia de Turismo de Galicia, Carmen Pita; a edil do Concello de Vilanova, Nuria Morgade; o director da empresa Human Soft, Rodrigo Antepazo, e o vicepresidente da Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN), Ignacio Bolíbar. Todos eles coincidiron en destacar o porto arousán como “referencia de porto amigábel polo emprego das novas tecnoloxías que ofrecen os devanditos cruceiros”.
Na xuntanza cos medios celebrada en Vilanova tamén se deu a coñecer (con demostración incluída) outra das grandes novidades tecnolóxico-marítimas que pon en xogo a firma de Moaña Human Soft, e trátase dunha iniciativa de realidade aumentada que permitirá aos visitantes coñecer e ter información inmediata e actualizada, nos seus dispositivos intelixentes, das vilas, cidades, paraxes naturais costeiras e monumentos que visiten. “Deste xeito”, díxose, “os participantes destes cruceiros poderán coñecer en profundidade elementos do nosos patrimonio histórico e cultural coma son as illas Cíes ou diversos museos e monumentos, incluíndo as lendas que os rodean”.
Estes cruceiros ofertan dúas modalidades. A primeira é Tesoros de las Rías de Galicia, que inclúe tres días de navegación, e o Crucero Islas Atlánticas y villas marineras, que ofrece rutas de dous días polas rías, de xeito individual ou un paquete completo das tres xornadas.
Tamén se fixo saber que durante unha semana, na mesma estación marítima de Vilanova, estará dispoñíbel unha exposición dixital dos contidos que se poderán visitar nestes cruceiros. Desta maneira, mediante tabletas, os visitantes poderán acceder a vídeos e diverso material sobre todos os recunchos das nosas rías que abrangue a iniciativa, así coma probar algúns dos novidosos produtos que ofrece.
Os cruceiros serán operados polas navieiras InterRías-Náutico Cormorán, que farán o circuíto polas rías, e por Mareal Cruceros, que se encargará do das Illas Atlánticas. Con estes cruceiros, que se iniciarán coa primeira saída o 15 deste mes (data da chegada de Cristobal Colón a España en 1943), agárdase que arredor de 10.000 persoas poidan participar nestas saídas ao longo do ano.

PUBLICIDADE