Vilagarcía traslada o Entroido ás redes cun certame de máscaras e unha choqueirada virtual

xoves, 4 de febreiro do 2021 S. P.

O Entroido de Vilagarcía vai poñer o foco nas redes, como tantos outros concellos da nosa terra, ante a imposibilidade de desenvolver a festa con normalidade e seguridade a nivel presencial. Así, “sen perder de vista o obxectivo principal de protexer a saúde da cidadanía, pero tamén para manter viva a tradición do Entroido e tratando de contribuír a elevar o estado de ánimo da poboación”, a Concellería de Cultura organiza un Certame Virtual de Máscaras e unha Choqueirada Virtual. Os traballos e disfraces difundirasen polas contas do Concello en Facebook e Instagram.
O Certame Virtual de Máscaras está destinado ás familias que teñan rapazada de 3 a 12 anos. Segundo informou o Concello, o concurso “xoga co dobre sentido da palabra máscara en galego, que se refire tanto á típica careta de Entroido, como ás máscaras sanitarias que estamos obrigados a usar debido á pandemia”. Polo dito motivo, os traballos a realizar polos participantes poderán abordar calquera destas dúas modalidades. O formato “será totalmente libre”, igual que os materiais a utilizar, co “obxectivo de fomentar a creatividade e orixinalidade dos traballos”. Unha vez se teñan confeccionadas as máscaras, deberán sacarlle unha foto e remitila, xunto coa solicitude de inscrición debidamente cuberta, ao correo info.cultura@vilagarcia.gal.
As fotografías enviadas polos participantes serán difundidas nas redes sociais do Concello entre o 13 e o 16 de febreiro, é dicir entre o sábado e o martes de Entroido.
Historias de choqueiros en Instagram
A Concellería de Cultura de Vilagarcía vai promover este ano a figura típica e tradicional do choqueiro, personaxe emblemático do Entroido en boa parte das Rías Baixas. Farao elevándoo ao protagonista de Instagram. Os interesados en participar na Choqueirada Virtual terán que disfrazarse nas súas casas e pendurar nas súas contas de Instagram unha historia incluíndo nela a etiqueta @vilagarciaviva. Posteriormente o Concello compartirá no seu perfil as historias de choqueiros máis divertidas ou orixinais, tendo sempre presente que so se admiten disfraces de choqueiro. Esta difusión farase tamén entre o 13 e o 16 de febreiro.

PUBLICIDADE