Vilagarcía lanza 14 cursos para loitar contra a fenda dixital

xoves, 2 de xullo do 2020 S. P.

A Concellería de Promoción Económica e Emprego de Vilagarcía retomou estes días as actividades do programa de Inclusión e Capacitación Dixital que non puideron comezar a celebrarse en marzo, como estaba previsto, debido ao confinamento polo COVID19. Dende o departamento que dirixe Alba Briones lémbrase que está prevista a realización de 14 cursos de diferente temática, adaptados aos diversos niveis de coñecemento dixital das usuarias e usuarios. As actividades, que se dirixen a loitar contra a fenda TIC no concello, son de balde e están dirixidas a maiores de 18 anos. Vanse impartir de forma presencial na aula CeMIT do Centro de Formación de Matosinhos até finais de ano.
Segundo informou a Concellería de Promoción Económica e Emprego, a oferta desta edición componse de 14 cursos diferentes, repartidos en cinco bloques temáticos que, comezando dende o nivel de iniciación en temas informáticos, van aumentando en grao de complexidade co obxecto de facilitar unha formación completa ao alumnado.
O primeiro bloque será o de Inclusión Dixital e nel inclúense os cursos dirixidos a persoas con pouco ou ningún coñecemento. Son os de Iniciación á informática e Internet para adultos, Correo electrónico: webmail e Seguridade na Rede.
Cunha orientación máis profesional deseñouse o segundo bloque temático sobre Ofimática en Software Libre composto de catro cursos: Procesador de textos, Folla de Cálculo, Elaboración de presentacións e Base de datos.
Dada a finalidade última deste programa formativo -a busca de emprego e acceso ao mercado laboral-, o terceiro bloque temático refírese á Orientación ao Emprego e nel impartiranse cursos sobre Redes Sociais e procura de Emprego e de Deseño dun perfil profesional. Esta última acción formativa inclúese por primeira vez na carta do programa.
O cuarto bloque temático versa sobre Capacitación avanzada en ferramentas TIC. Neste apartado impartiranse os cursos de Deseño de páxinas webs con Wordpress, e dous que se inclúen por primeira vez no programa: Deseño de contidos interactivos: Canva e Genially e Sincronización de dispositivos e control parental.
Por último, atendendo ás necesidades da vida cotiá e ás esixencias dos trámites online coas entidades públicas, o último bloque temático céntrase precisamente na Administración Electrónica. Aquí inclúese un curso que xa se impartiu na pasada edición para formar aos usuarios sobre o procedemento de realización de Trámites electrónicos, con especial atención ao uso e funcionamento da sede electrónica do Concello de Vilagarcía. O segundo curso deste bloque versará sobre o Uso do DNI electrónico e o Certificado Dixital.
Os cursos serán impartidos por persoal especializado da Consulta Kaeme, nas dependencias dado Centro de Matosinhos. As inscricións poden realizarse xa no centro de Matosinhos en horario de 9 a 14 horas. Os interesados poden anotarse a máis dunha acción formativa e tamén poderán elixir o horario que máis lle conveña. A formación é presencial e a duración dos cursos é de 15 e 30 horas lectivas, coa excepción dos do último bloque temático, que será de 4 horas en cada unha das accións formativas.

PUBLICIDADE