Vilaboa incorpórase aos concellos galegos con redes de nova xeración de R

venres, 19 de novembro do 2021 S. P.

O concello pontevedrés de Vilaboa vén de unirse á listaxe de máis de 140 municipios galegos con conexión directa ás redes de nova xeración de R, ao incorporarse recentemente 54 fogares e negocios do núcleo de Costal á infraestrutura de operador galego.
O devandito, sinala a operadora, significa que estes inmóbeis de Costal xa poden gozar de accesos ultrarrápidos a Internet de ata 500 Mbps simétricos (subida e baixada) e doutros servizos de telecomunicacións de última xeración. Con estes traballos pechouse a primeira fase do despregamento de R no concello.
Amais, ao remate desta fase do Plan Avanza, quedarán conectadas preto de 800 residencias e empresas de Vilaboa. Non só do Costal, senón tamén dos núcleos de Balteiro, Larache, Riomaior, Muíño, Magarella, Barciela, Areeiros, Pazos e Nores.
Este e outros desenvolvementos de rede na provincia de Pontevedra forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar a tecnoloxía FTTH (Fibra Até o Fogar) en 512 núcleos de Galicia que non dispuñan de alta velocidade ata o momento (as chamadas “zonas brancas”).
Nos tres plans vaise investir un total de 10M€, dos cales preto de 8M € serán subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea. En concreto, o despregamento no devandito núcleo de Costal, en Vilaboa, enmárcase no proxecto destinado á extensión de redes de nova xeración en 196 núcleos doutros municipios do suroeste de Galicia (Pontevedra), traballos que nestas zonas suporán un investimento total de 3,75 M€.

PUBLICIDADE