Vigo suma 13 novas rutas interactivas aos itinerarios da súa app

martes, 30 de marzo do 2021 S. P.

Dende este luns 29 de marzo, a aplicación móbil Vigo incorpora 13 rutas medioambientais dispoñíbeis para residentes e visitantes, achegándolles outras tantas oportunidades de coñecer os múltiples tesouros naturais, paisaxísticos e culturais da cidade e a súa contorna. En total, a ferramenta Vigo pon a disposición dos usuarios un total de 21 itinerarios para, en palabras do Concello, “gozar da cidade”.
O alcalde Abel Caballero salientou que as rutas interactivas da aplicación Vigo, un proxecto financiado con fondos FEDER DUSI da Unión Europea, foron premiadas xunto á plataforma Smart Cuty de Vigo nos premios Smart Cities & Communities de Europa e Asia Central na edición de 2020, celebrada en Rusia.
As novas incorporacións son tres sendeiros azuis: Camiño a beiramar, seguindo o río Lagares ata a costa, con dúas variantes: ata Canido e ata Bouzas; tamén o camiño entre faros nas Cíes e o sendeiro Litoral e do Monte da Guía. Amais, incorpóranse varios percorridos locais: Bembrive-Beade, Cabral, Candeán, Coruxo, Oia, Saiáns, Valadares, Zamáns e Matamá-Comesaña, sumando un total de 21 propostas interactivas.
Caballero convidou a “gozar da cidade” a través destas rutas medioambientais que cualifica como “magníficas opcións para aproveitar os festivos e o resto dos días para pasear polo verde de Vigo” de forma cómoda porque a aplicación, desde o móbil, envía indicacións para facer as rutas e sinala os elementos de interese na zona que se visita.

PUBLICIDADE