Vigo sitúase no posto número nove de cidades afectadas polo bot Mariposa no eido estatal
mércores 10 de marzo do 2010, por |
O bot Mariposa do que falamos o outro día con motivo da detención dos responsables da súa posta en marcha e espallamento (un deles residente en Santiago) volven estar de actualidade, desta volta para dar conta dos estragos causados na comunidade internauta logo do seu paso (aínda non concluído, por certo). O informe sobre estes datos vén da man de Panda Security, empresa que colaborou con diferentes corpos policiais no desmantelamento da devandita banda. Segundo fai saber a compañía, os bots en cuestión (programas dirixidos a distancia para a obtención de datos dos internautas) tiveron unha especial incidencia en Madrid, que resultou ser a cidade con meirande número de enderezos IP afectados polo programa, abranguendo máis da cuarta parte das infeccións en España. Tras ela, sitúanse Sevilla (10%) e Barcelona (6,5%). No posto número nove da listaxe cómpre salientar a presenza de Vigo, cun 1,15% de taxa de incidencia. Así até completar unha relación de máis de 1.500 núcleos urbanos.
Isto polo que respecta ao eido do Estado español, porque a repercusión do programa tamén se fixo notar a nivel internacional, máis polo miúdo en 190 países e máis de 30.000 cidades diferentes. En total, os resultados globais amosan unha cifra de 13 millóns de computadores infectados co devandito bot. Segundo comenta Panda, “as meirandes taxas de repercusión rexistráronse en países onde até o de agora a educación dos usuarios en materia de seguridade informática e prevención non foron unha prioridade; pola contra, noutros países onde si que se están a realizar este tipo de campañas o número de infeccións resultou ser moito menor, como no caso de Estados Unidos, Xapón, Alemaña ou Reino Unido”. Co fin de minimizar a incidencia de futuras infeccións, dende a empresa de seguridade informática recoméndanlle a tódolos usuarios da Rede a análise previa de cada computador co obxectivo de verificar a presenza (ou non) do dito bot. Para isto, poden empregar a aplicación en liña habilitada para tal efecto ou ben descargar o antivirus de balde Panda Cloud Antivirus.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

















