Vigo inaugura Curtopía con 300 pezas audiovisuais chegadas de todo o mundo

martes, 21 de setembro do 2010 Raquel Noya

A concellaría de Xuventude do Concello de Vigo, na súa aposta por promocionar o audiovisual galego e levalo ás aulas da cidade para achegarllo aos máis cinéfilos da casa, vén de estrear un novo festival de curtas que leva por nove Curtopía, ao que xa se presentaron máis de 300 pezas chegadas de todo o mundo.
Este evento, con vocación de converterse nun escaparate da creación cinematográfica dos menores de trinta anos da vila, terá lugar no Cine Salesianos os venres do mes de novembro entre o 12 (apertura) e o 26 (clausura), e incluirá múltiples programacións, sendo a súa achega aos colexios unha das máis importantes para a organización.
Trátase, segundo informan dende a organización, “de implicar no festival á sociedade viguesa a través de diferentes accións en varios lugares da cidade”, e pretende ser “unha cita obrigada para toda a cidadanía”.
Con arredor de 300 traballos procedentes de México, Cuba, Brasil, Inglaterra ou Suíza, entre outros moitos países, iníciase agora o proceso de selección de curtas que formarán parte da sección oficial nas súas tres categorías: ficción, documental e videoclip.
Os premios van dos 400 euros, para os primeiros clasificados nas seccións de Obra Galega e Videoclip ata os 800 euros, para os vencedores de Curtametraxe de Ficción e Curtametraxe Documental.

PUBLICIDADE