Vigo fai medrar as tramitacións electrónicas nun 20%

luns, 29 de xaneiro do 2018 Redacción

O Concello de Vigo vén de facer balance da actividade local en materia de Administración Electrónica ao longo de 2017, unha actividade que acadou datos positivos en todos os parámetros, segundo fixo saber o alcalde Abel Caballero. En palabras do rexedor, os datos obtidos poñen de manifesto que Vigo é unha cidade pioneira no emprego dos sistemas en liñas, entre outras cousas porque as cifras mostran que un 75% dos rexistros xa se fan de maneira electrónica. Ademais, dixo, o Concello rexistrou en 2017 unha suba do 20% en tramitación dixital, acadando os 470.000 procedementos.
Caballero engadiu que os 470.000 trámites foron feitos por 110.000 cidadáns e 10.000 empresas. Ademais, explicou, contabilizáronse 2 millóns de consultas e 2 millóns de visitas á páxina oficial www.vigo.org (tamén accesíbel a través do dominio galego, www.vigo.gal). Respecto do factor sustentabilidade que se pon en xogo polos logros en eAdministración, o rexedor destacou que a “tramitación electrónica supón un gran aforro e mellora da competitividade para a cidadanía, empresas e administración, ao evitar o sistema que se teñan que imprimir 1 millón de documentos ou facer 500.000 desprazamentos na cidade, o que supón 400 toneladas de CO2”.

PUBLICIDADE