Vigo estrea un centro de lecer de realidade virtual

martes, 9 de abril do 2019 Marcus Fernández

Nos últimos anos puidemos ver como nos centros comerciais galegos proliferaron os puntos efémeros nos que probar experiencias de realidade virtual, no que para moitos semella un retorno aos salóns recreativos, xa que convidan a probar experiencias interactivas en lugares públicos en vez de na intimidade do fogar, e nesta liña vén de abrir en Vigo, na rúa Doctor Cadaval, Inmersia, un local dedicado ao goce da realidade virtual todos os días de 17:00 a 21:00 horas, contando tamén cun horario matinal de 11:00 a 14:00 horas as fins de semanas e días festivos.
Este centro de lecer de realidade virtual está equipado con simuladores de condución e montaña rusa, así como varios postos de realidade virtual nos que poder xogar e gozar de experiencias inmersivas de xeito individual, en parellas ou en grupos. Precisamente no que se refire ao uso colectivo, Inmersia permite a celebracións de festas de distinto tipo e incluso a eventos que poden resultar interesantes para presentacións e outras actividades que busquen ser orixinais.
O establecemento conta con xogos como Arizona Sunshine, Beat Saber, Fruit Ninja ou Superhot VR, permite gozar das experiencias de Tilt Brush, The Blu, The Lab ou Google Earth VR; e para poder gozar das experiencias e xogos de realidade virtual os visitantes deben pagar en función do tempo de uso, para o que incluso contan con bonos.

Así é a experiencia de montaña rusa virtual que ofrece Inmersia

PUBLICIDADE