Vigo convértese na primeira cidade galega en dispoñer de fibra óptica ata o fogar
martes, 20 de xullo do 2010
A cidade de Vigo, semella ir á cabeza
do noso país en innovación e novas tecnoloxías e así nolo ven de demostrar,
primeiro coa instalación das primeiras electroliñeiras de Galicia, da que falamos aquí
na nosa web, e agora máis recentemente, co despregamento da primeira fase
da rede de última xeración FTTH (do inglés Fiber
to the Home), que xa se iniciou hai algunhas semanas no polígono de Navia.
Alí despregáronse 7 Km de fibra que darán
cobertura a máis de 2.200 vivendas as cales, no futuro, poderán dispor de
velocidades de transmisión practicamente ilimitadas.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero,
acompañado polo director territorial de Telefónica en Galicia, Ignacio Aller,
visitou a central de Telefónica de O Castro na propia cidade, onde están
ubicados os equipos que convirten a esta cidade na primeira de Galicia e unha
das primeiras de España en dispor desta nova rede de última xeración máis
coñecida como “fibra ata o fogar”.
Dende a compañía informan que no
vindeiro outono, os novos clientes que estean en cobertura poderán contratar o
paquete Movistar Futura 100/10Mb por uns
64,87 euros ao mes, prezo definitivo; no momento da contratación, este servizo
estará promocionado coa cota de alta a cero euros e a un prezo de 43,87 euros
nas seis primeiras cotas.
Asemade, nas primeiras datas e sempre
sobre esta tecnoloxía, Movistar lanzará ao mercado un paquete con TV e a nova
velocidade 100/10Mb, o Movistar Futura
100/10 Imagenio Familiar DVR, que poderá adquirirse a un prezo de 85,77
euros ó mes, cunha promoción durante os seis primeiros meses de 68,87 euros ao
mes e cota de alta de balde.
Despois do polígono de Navia,
continuarase despregando esta tecnoloxía, a considerada “máis avanzada do mundo”, noutras zonas da cidade, para chegar
paseniñamente a toda Galicia.
A tecnoloxía empregada por Telefónica,
supón, segundo aseguran, “un avance
considerable respecto á HFC empregada por outros operadores”, posto que non
emprega cobre en ningún tramo, permitindo, en consecuencia, “velocidades moi superiores ás que poden
obterse sobre o conduto tradicional”.
